A deputada Carmen Rodríguez Dacosta presentou unha proposición non de lei na que insta ao goberno galego a garantir a calidade asistencial
O PSdeG-PSOE de Ourense leva ao Parlamento de Galicia a situación do centro de saúde do Barco, que quedou sen pediatra no mes de outubro, deixando aos pais e nais nunha situación “crítica” para a atención sanitaria das súas crianzas. As e os socialistas esíxenlle ao goberno galego que “garanta a calidade asistencial” no centro de saúde do Barco, solucionando a falta de cobertura das prazas de pediatría e cubrindo as dúas asignadas ao centro.
O Barco de Valdeorras segue a sufrir a política “discriminatoria” do Partido Popular —expón o PSOE— en materia sanitaria e dende outubro o centro de saúde do municipio quedou sen pediatra, trala xubilación do mesmo. As manifestacións e concentracións de protesta dos pais e nais multiplicáronse nas últimas semanas, pero tal e como sinalan as e os socialistas “a situación segue sen resolverse, provocando grandes eivas na atención sanitaria dos cativos e cativas”.
A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de presentar unha proposición non de lei na que insta ao goberno galego a garantir a calidade asistencial no centro de saúde do Barco. A parlamentaria socialista aproveitará para preguntar en comisión “cando ten previsto a Xunta solucionar esta problemática?”, unha vez xubilado o único pediatra activo no centro de saúde. Neste senso tamén porá o foco na necesidade de “facilitar a chegada de profesionais sanitarios a comarca de Valdeorras”.
Tal e como relata a representante socialista ourensá no Parlamento “a situación xa foi posta en coñecemento do goberno galego con anteriores iniciativas, na que alertábamos da xubilación do pediatra que prestaba atención sanitaria a máis de 2.000 nenos e nenas”, pero tal e como apunta “o goberno galego non fixo nada para buscar solucións”. Rodríguez Dacosta esíxelle ao Sergas “unha solución urxente para os pais e nais que agardan que os seus fillos e fillas sexan valorados por un profesional da sanidade pública para que conten cunha calidade asistencial adecuada”.
Tal e como relata Carmen Rodríguez Dacosta “a situación ven de lonxe, xa que en xuño de 2022 o centro de saúde contaba con dúas consultas de pediatría, ocupadas por dous pediatras, pero ese mesmo ano un dos pediatras xubilouse”. Ante esta situación, o Sergas decidiu que unha médica de familia con formación de puericultora ocupara a praza da pediatra xubilada ata que a comezos de 2024 abandonou a praza para trasladarse a localidade de Sobradelo, onde exerce de médico de familia, quedando dende entón só unha consulta en funcionamento.
Cabe lembrar que no DOG do 18 de marzo de 2024 publicouse a Resolución do 29 de febreiro de 2024 da Dirección Xeral de Recursos Humanos polo que se nomea persoal fixo e a adxudicación definitiva dos aspirantes seleccionados no proceso selectivo. Para o Centro de Saúde do Barco adxudícase unha praza de pediatría, pero o pediatra renuncia e non se incorpora, rematado xa o prazo de toma de posesión. En outubro, ca xubilación do outro pediatra, o centro de saúde quedou sen profesionais sanitarios.
Ante esta situación, as e os socialistas piden que se repoñan as dúas prazas pediátricas do centro de saúde e que se garanta a calidade asistencial das crianzas do municipio.