O delegado da Xunta, Gabriel Alén, e a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, visitaron nas Covas de Seadur ao grupo de profesionais que participan no obradoiro
O Proxecto Lugares, a nova iniciativa de transformación do espazo público no Camiño de Santiago a través da confluencia entre disciplinas como a arquitectura, o deseño, a artesanía e a pasaixe, iniciou esta mañá a súa actividade na comarca de Valdeorras cun paseo por un tramo do Camiño de Inverno na zona de Pumares (Carballeda). Os participantes puideron de conversar con axentes locais e coñecer outros espazos da zona susceptibles de acoller a proposta de intervención arquitectónica que xurda deste taller.
O delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, e a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, visitaron esta mañá nas Covas de Seadur ao grupo conformado por profesionais e axentes locais que participan no taller do Proxecto Lugares.
Desde o xoves e até o día 22 de abril estase a desenvolver na aldea de Seadur (Larouco) un obradoiro entre a comunidade local e un grupo de persoas participantes no seminario. Baixo a mediadión de Maé Durant, o reto será deseñar, xuntas, un lugar.
Ese lugar será un novo espazo público do Camiño de Santiago que agromará de forma colaborativa, a través da transmisión, neste taller, das técnicas e coñecementos de arquitectura, paisaxe, artesanía e deseño; e no que se terán en conta as conclusións e boas prácticas presentadas no seminario de Palas de Rei.
Durante esta xornada houbo visitas a diferentes lugares de Valdeorras e encontros con Xosé Fernández (Pepe das Pedras) experto en xeoloxía, director da área de arqueoloxía do Instituto de Estudos Valdeorreses, entre outras actividades.
O Proxecto Lugares prosigue mañá, venres, con novas actividades.