É unha nova iniciativa que integra ás comunidades locais á hora de deseñar solucións paisaxísticas e arquitectónicas , con materiais naturais e de proximidade, que se poderán implantar no territorio
O Castelo de Pambre, na localidade luguesa de Palas de Rei, acolleu a presentación do Proxecto Lugares, unha nova iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, e pola Fundación “La Caixa” coa intención de poñer en valor e transformar, dun xeito sostible, o espazo público dun dos itinerarios máis transitados no mundo: o Camiño de Santiago. O proxecto, enmarcado no cumprimento do Pacto Verde Europeo tanto polo seu debate central como polas súas solucións paisaxísticas e arquitectónicas para o territorio, e que terá presente tanto á veciñanza dos lugares coma ás persoas peregrinas, levarase a cabo nas comarcas de Ulloa e Valdeorras esta primavera.
A presentación contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; do alcalde de Palas de Rei, Pablo José Taboada Camoira; da responsable territorial da Fundación “La Caixa”, Susan Santos; e da comisaria do Proxecto Lugares, Natalia Balseiro. No acto déronse a coñecer os principais eixes de traballo da iniciativa así como a programación pública de eventos.
É o caso do seminario que reunirá no Castelo de Pambre os días 18 e 19 de abril a figuras recoñecidas de ámbito galego e estatal, como as arquitectas Ana Amado, Izaskun Chinchilla, Maé Durant, María Fandiño -Premio Nacional 2022-, Carlos Pita ou Carlos Seoane, entre outras; as artesás Verónica Moar, Julia de la Cal, Inés Rir e Santiago Besteiro; as deseñadoras Amalia Puga e Uqui Permui ou as comunicadoras Anatxu Zabalbeascoa e Ariadna Cantis.
Tamén participarán persoas expertas vinculadas ao mundo da paisaxe, como Amparo Maroño, Paola Sangalli e Pedro Calaza, ou investigadoras do espazo rural, coma a artista Estella Julian, ou o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade.
Unha vez finalicen estas xornadas, a localidade ourensá de Larouco acollerá do 20 ao 22 de abril un taller aberto entre as comunidades locais e un grupo de participantes no seminario para imaxinar e desenvolver a maqueta ou prototipo dunha posible intervención no espazo público. Durante estes días realizaranse visitas e paseos polo territorio para identificar os lugares sobre os que as e os asistentes traballarán de forma colaborativa.
O Proxecto Lugares trasladará a súa acción a un obradoiro que se desenvolverá nas covas de Seadur moi próxima ao Camiño de Inverno. Será un taller de tres días, aberto á comunidade e axentes locais, no que se tentará transmitir técnicas e coñecementos da arquitectura, do paisaxismo, do deseño ou da artesanía, á vez que se imaxina e deseña, de forma colaborativa —tendo presentes as conclusións do seminario—, unha maqueta ou prototipo dunha posible peza ou intervención no espazo público.
O programa contempla:
Mércores 19 de abril
18:00-19:30 h | Encontro nas covas de Seadur. Recibimento coa alcaldesa, Patricia Lamela, os coveiros e Carina Rodríguez, arquitecta técnico especialista na arquitectura do viño e quen guiará ao grupo polas tipoloxías de covas. Presentación do espazo onde se fará o taller, da dinámica do mesmo e do territorio por parte da mediadora local Cristina de la Torre. Viño de benvida con viños da Denominación de Orixe Valdeorras elaborados en adegas de Seadur
Xoves 20 de abril
09:00-11:00 h | Paseo polo Camiño de Inverno no seu acceso a Valdeorras.
11:00-11:30 h | Encontro con Asunción Arias, presidenta da Asociación de Amigos
do Camiño de Inverno por Valdeorras.
12:00 h Almorzo e inicio do taller nas covas de Seadur.
14:30-16:00 h | Parada para xantar.
16:00-19:00 h | Taller nas covas de Seadur.
19:30-20:30 h | Paseo por casco antigo e encontro con viticultiores e produtores locais.
20:30 h Fin da xornada.
Venres 21 de abril
09:00-11:00 h | Visita a diferentes espazos de Valdeorras nos que se podería realizar a intervención de arquitectura da paisaxe.
11:00-11:30 h | Encontro con José Fernández (Pepe das Pedras), experto en xeoloxía e responsable da área de arqueoloxía do Instituto de Estudios Valdeorreses. Impulsor do Museo Xeolóxico de Quiroga.
12:00 h Almorzo e inicio do taller nas covas de Seadur.
14:30-16:00 h | Parada para xantar.
16:00-19:00 h | Taller nas covas de Seadur.
19:30-20:30 h| Paseo por un entorno natural e encontro con artistas e artesáns locais.
20:30 h Fin da xornada.
Sábado 22 de abril
09:00-11:30 h | Taller nas covas de Seadur.
11:30 horas Almorzo nas covas de Seadur
12:00-14:00 h | Taller nas covas de Seadur.
14:00-16:00 h | Parada para xantar.
16:00-18:00 h | Taller nas covas de Seadur e presentación dos resultados.
18.30-20:00 h | Andaina polo Camiño de Inverno.
20:00 h Fin da xornada.
Unha mirada transdisciplinar sobre o Camiño de Santiago
O Proxecto Lugares é unha iniciativa de pensamento contemporáneo, aprendizaxe e intervención na paisaxe desde unha mirada transdisciplinar que agroma no contexto do Camiño de Santiago, coa intención de perdurar até o vindeiro Ano Santo 2027. O programa está conformado por catro procesos de traballo, dos cales o primeiro deles é a mediación, que se están a desenvolver desde o mes de febreiro tanto en Palas de Rei coma en Valdeorras, a través de conversas ou entrevistas, coa intención de identificar, desde a proximidade, lugares, materiais e valores no territorio do Camiño.
O segundo dos procesos é a celebración dun seminario ou xornadas públicas de debate que terán lugar os días 18 e 19 de abril no Castelo de Pambre, en Palas de Rei, xunto ao Camiño Primitivo.
Finalmente, todas as conclusións, fotografías e vídeos do traballo feito ao longo destes meses no marco do Proxecto Lugares, así como textos das persoas profesionais convidadas -ou mesmo a recompilación de testemuñas durante o seminario-, estarán dispoñibles nunha publicación crossmedia que se presentará despois do verán. P