Avelino García Ferradal: «A supresión de servizos frea a conectividade, mobilidade, oportunidades e desenvolvemento económico do territorio»
A dirección do PP da Rúa, que preside Avelino García Ferradal, mostra o seu apoio e respaldo á manifestación que terá lugar o 2 de agosto na Estación A Gudiña-Porta de Galicia para reivindicar a reposición de trens e horarios do AVE.
A decisión do Ministerio de Transportes e de Renfe de suprimir as frecuencias do AVE supón un recorte de servizos e de dereitos “inxusto e arbitrario”, valora Avelino García Ferradal, “que frea a conectividade do oriente ourensán, a mobilidade, as oportunidades e o desenvolvemento socioeconómico do territorio”.
Destaca que a estación está financiada con fondos públicos e concibida como unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento do interior de Galicia, que actúa como un eixo crave para comarcas como Valdeorras, Viana, Verín e mesmo o conxunto da provincia ourensán.
Lembra que o PP de Ourense xa tomou a iniciativa tan pronto tivo coñecemento das intencións do Goberno central, presentando a través dos deputados populares no Congreso varias preguntas nas que esixiu a rectificación da medida, ademais de trasladar a reivindicación en forma de moción na Deputación provincial e de concentrarse na Estación A Gudiña-Porta de Galicia o pasado mes de maio, entre outras iniciativas.
A supresión de frecuencias do AVE na Estación A Gudiña-Porta de Galicia, que se materializou o pasado 9 de xuño, supuxo a redución de 6 a 9 trens.
Cos novos horarios, perdeuse o primeiro servizo matinal que permitía chegar a Madrid ás 10,34 horas, sendo agora a primeira hora de saída para os viaxeiros da Gudiña as 14,08 horas.







