Terá unha unha equiparación completa no que atinxe á ratio médico-enfermeira
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, anunciou a inminente ampliación do persoal de enfermería nos Puntos de Atención Continuada (PAC) de Ourense, O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia e O Carballiño, con 12 novos profesionais desta especialidade.
Así, desde xaneiro de 2025 estes centros sanitarios de atención primaria verán incrementados os seus recursos humanos de acordo á demanda asistencial que rexistran na actualidade.
José Ramón Parada remarcou que a planificación do persoal dos PAC realízase «en función da poboación e das cargas de traballo, e non da equiparación entre persoal sanitario”. Neste sentido, apuntou que no caso da provincia ourensá “a súa dotación é semellante á do resto das áreas sanitarias galegas”.
Actualmente, a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras conta con 14 Puntos de Atención Continuada, aos que se engaden dúas Zonas Especiais (A Gudiña-Mezquita e A Veiga-O Bolo). Sobre este particular, e en alusión ás novas incorporacións de persoal, precisou que os PAC de Ourense, O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia e O Carballiño “terán unha equiparación completa”, no que atinxe á ratio médico-enfermeira.
O xerente do Servizo Galego de Saúde subliñou que a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras rexistrou a segunda maior dotación de prazas orzamentadas destinada á enfermería dos PAC durante o período 2022-2025. Así, neste período ampliará en 20 prazas os seus recursos humanos (un 35,1% máis). Só fica por detrás da área sanitaria da Coruña e Cee, cuxa dotación medrou en 27 profesionais.
A Xunta leva anos incrementando a dotación do persoal de enfermería nos PAC das distintas áreas sanitarias. Así, desde o ano 2022, o Executivo incrementou as plantillas deste persoal en 94 profesionais, sendo a área de Ourense a segunda que rexistrou un maior incremento, cunha ampliación do 35,1%.