Os gañadores son a Asociación de Veciños de O Castelo (Rubiá), María José Vázquez Hernández e o Colegio Pablo VI da Rúa
O Instituto de Estudios Valdeorreses (IEV) fixo entrega esta tarde dos premios da segunda edición do Concurso de Espantallos «Os gardiáns das hortas», na súa sede da Casa Grande de Viloira.
Dun total de 13 obras presentadas, tres foron as seleccionadas polo xurado, que recibiron un premio de 500, 300 e 200 €, para o primeiro, segundo e terceiro posto, respectivamente. Estes foron os galardoados:
- 1º Premio – Asociación de Veciños de O Castelo, Rubiá
- 2º Premio – María José Vázquez Hernández
- 3º Premio – Colegio Diocesano Pablo VI – Fátima da Rúa
Unha cuarta obra resultou seleccionada no apartado infantil do concurso. O gañador foi Matías Fernández Venzal, que recibiu un diploma e un lote de libros pola súa participación.
Os concursantes que non resultaron premiados recibiron un diploma honorífico en agradecemento pola súa participación. A destacar, a gran concurrencia de espantallos elaborados por asociacións de veciños e centros educativos da comarca.
Fixeron entrega dos galardóns, Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Concello do Barco e Aurelio Blanco Trincado, presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, ademáis de outros membros da xunta directiva do IEV.
Blanco Trincado quixo agradecer ao director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, a materialización «deste vello proxecto, que ten como fin recuperar a antiga tradición dos espantallos, vixiantes das hortas e, ao mesmo tempo, compañeiros dos labregos durante as faenas do campo», explicou.
Subliñou ademais, a «calidade artística e o inxenio dos participantes», así como a gran concurrencia deles e a «ilusión de que un neno participase no concurso», feito que desexou «poida ser o preludio de máis participación nos vindeiros anos, como aconteceu coa tradición dos Maios, hoxe recuperada e consolidada».
De feito, augurou que «quizáis, haxa que pensar en premiar por separado, os espantallos enxebres dos artísticos, o cal facilitaría a labor do xurado».
Exposición
Coa entrega de premios, tamén se inaugurou hoxe a exposición que amosará todos os traballos presentados ao concurso, que estarán expostos no patio interior da Casa Grande ata o 31 de marzo, en horario de 9:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.





















