O grupo socialista do Barco rexeita nunha moción a suba do canon de Sogama

Publicidad

A presentará para o seu debate e aprobación no pleno desta semana

Aurentino Alonso Araujo, voceiro do grupo socialista do Concello de O Barco de Valdeorras, presentará unha moción para o seu debate a aprobación no pleno do 5 de setembro para rexeitar a suba do actual canon por tonelada de residuos xestionada que pagan os concellos a Sogama.

A moción expón que Sogama estableceu en 2019 unha bonificación do 10% no canon de tratamento para os municipios que se comprometeran coa redución do volume de lixo e envases lixeiros, repercutindo esta rebaixa nos recibos da veciñanza. Engade que o Concello do Barco sumouse a esta iniciativa e nos últimos anos conseguiu alcanzar os obxectivos marcados por Sogama para reducir as cantidades de lixo xeradas. «O cumprimento destes obxectivos de diminución de refugallos significou un descenso nos recibos dos veciños do Barco nos últimos anos, xa que o Concello do Barco repercutiu a bonificación de Sogama na taxa municipal, beneficiando polo tanto á veciñanza».

Pero o 25 de xuño pasado, o Consello de Administración de Sogama aprobou unha “actualización do canon” que pagan os concellos galegos pola xestión do lixo, publicada o 23 de xullo de 2024 no DOG, e establece que se pasa de cobrar 66,01 euros por tonelada, a aplicar un canon de 68,05 euros por tonelada de xaneiro a xuño de 2024, e de 88,05 euros por tonelada entre xullo e decembro. «Hai uns días, o presidente de Sogama, por medio dunha carta ao seu Consello de Administración, anunciou que o cánon se incrementará ata os 108 euros por tonelada no ano 2025», precisa a moción socialista.

Publicidad

A Lei 7/2022 adecuou o marco regulatorio español a unha directiva comunitaria de 2018, que grava cun imposto a incineración e o depósito en vertedoiro ao estimar que son as fórmulas medioambientalmente menos recomendables para a xestión de residuos. «Estas son precisamente as solucións preferidas por Sogama, que destina un 60% á incineración e un 21% ao vertedoiro. Polo tanto, Sogama ten que asumir a totalidade do imposto estatal, que deriva dunha directiva europea, pola súa obsoleta xestión dos refugallos, non tendo mudado un ápice o modo de tratamento dos residuos desde 2010″, expón a moción socialista.

Aínda que tanto Sogama como a Xunta aluden ao incremento do imposto por parte do Goberno central, «a realidade é que a recadación dese imposto se traslada íntegro á Xunta de Galicia. De feito, nos orzamentos da Xunta de Galicia para 2024 contemplan un remanente de tesourería para Sogama, correspondente ao ano 2023, de 6.489.577 euros, así como beneficios cara o final do exercicio, non sendo certo polo tanto que Sogama sexa deficitaria», sinala a moción socialista.

Ademais, expón que a Xunta «non está a respectar as recomendacións europeas no referente á xestión de residuos, o cal redunda nun incremento no pagamento de taxas, e fai que Galicia se sitúe moi lonxe de cumprir cos obxectivos de redución e reciclaxe establecidos». Esto supón que os perxudicados serán os concellos e os cidadáns, que terán que pagar nos seus recibos ese incremento.

Por todo iso, a moción propón que o Concello do Barco de Valdeorras rexeite a suba do canon que pagan os concellos galegos a SOGAMA pola xestión do lixo, «decidida unilateralmente pola Xunta de Galicia para os vindeiros meses e anos. Cando ademáis, o concello do Barco, a través da súa veciñanza, está a responder positivamente a todas aquelas campañas que implican unha redución na cantidade de lixo que se envía á planta de Cerceda».

Tamén plantexa que o Concello do Barco de Valdeorras inste á Xunta de Galicia a manter o canon actual que pagan os concellos adscritos a Sogama, de 66 euros por tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o correspondente IVE, ademais de salvagardar a actual bonificación do 15% deste canon unitario, cos mesmos requisitos que rexeron até o de agora, resultando así un canon bonificado de 56,10 euros por cada tonelada de residuos domésticos xestionada, máis co orrespondente IVE.

E pide que o Concello do Barco de Valdeorras inste á Xunta de Galicia á implantación de medidas urxentes para avanzar cara unha xestión descentralizada dos residuos, coa creación de plantas de proximidade, privilexiando a redución e a reciclaxe fronte á incineración e o depósito en vertedoiro, que son as fórmulas empregadas por Sogama e as responsables das acentuadas subas no recibo de recollida e tratamento de lixo.