Manuel Pardo dixo que a Xunta destinou preto de 920.000 euros a 31 concellos da provincia para impulsar e consolidar a actividade turística no rural
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Carballeda de Valdeorras, acompañado da súa alcaldesa, María del Carmen González, para coñecer as melloras de embelecemento da contorna de afección ao Camiño de Inverno en Sobradelo nas que a Axencia de Turismo de Galicia achegou 30.000 euros, ao abeiro da orde de axudas para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas en municipios de ata 10.000 habitantes.
A alcaldesa, María del Carmen González, explicou que o entorno foi mellorado con paneis de fotos antigas de tempos pasados do municipio, que cubriron unha zona de contenedores, unha iniciativa que ademáis de mellorar a imaxe desta localidade atravesada polo Camiño de Inverno, ao mesmo tempo, tivo un impacto social, cunha gran acollida entre veciñas y veciños, pois preserva unha parte da historia da vida desta terra.
Agradeceu a implicación da Xunta e dixo que o Concello evalúa a posibilidade de dar continuidade a esta iniciativa noutros rincóns do municipio.
Achegas
Pola súa banda, o delegado territorial, Manuel Pardo, subliñou que na última resolución destas achegas, a Xunta destinou preto de 920.000 euros a 31 concellos da provincia de Ourense co fin de impulsar e consolidar a actividade turística nas contornas rural, e ao mesmo tempo promover a diversificación turística polo territorio da comunidade.
Nesta liña, detallou que os municipios beneficiados por esta liña de subvencións foron Esgos, Xunqueira de Espadanedo, Verea, Maside, Oímbra, Bande, Vilar de Barrio, O Bolo, Allariz, Arnoia, Larouco, Sandiás, Cualedro, Muíños, Lobios, A Peroxa, Castrelo do Val, A Merca, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, A Teixeira, Leiro, Petín, Vilariño de Conso, Ribadavia, Melón, Lobeira, Montederramo, Castrelo de Miño, Cartelle e A Gudiña.
Esta orde, dotada de 2 millóns de euros, procura -segundo Manuel Pardo- a posta en valor turístico dos recursos dos municipios beneficiarios a través da súa rehabilitación ou restauración para dedicalos a usos turísticos, así como coa recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional. Ademais, apoia a mellora da accesibilidade a estes recursos coa eliminación de barreiras arquitectónicas e da súa sinalización con elementos integrados de forma respectuosa coa contorna.
Obxectivos
O representante do Goberno galego significou que entre os obxectivos básicos deste tipo de axudas están o desenvolvemento do turismo na comunidade autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade; a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos e o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial.
Tamén destacou que mediante estas axudas fináncianse gastos como a mellora na sinalización turística de sendeiros, a iluminación e os accesos a recursos turísticos, así como a posta valor de conxuntos patrimoniais, o acondicionamento de recursos culturais e paisaxísticos ou a recuperación de elementos locais como fontes ou muíños


