O conselleiro de Medio Rural participou na Ruta das Covas en Seadur

Publicidad

Bo ambiente e moito viño protagonizaron unha xornada de festa que contó con grande afluencia de público nas 40 adegas tradicionais de valor patrimonial desta localidade de Larouco

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e da directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, participou esta tarde na XVIII edición da Ruta das Covas de Seadur, no concello de Larouco.

Na Ruta das Covas de Seadur tamén estiveron a xerente do Inorde, Emma González; Patricia Torres (da Deputación de Ourense), a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela e o alcalde da Rúa, Álvaro José Fernández, entre outras autoridades.

Bo ambiente e moito viño protagonizaron unha tarde noite de festa e afluencia de público.

Publicidad

O entorno etnográfico das Covas de Seadur é un claro exemplo da vinculación entre viño e territorio, xa que está composto de 40 adegas tradicionais de gran valor patrimonial onde se proxectan actividades turísticas e gastronómicas, promocionando así unha ampla oferta de turismo enogastronómico da comarca de Valdeorras.

Na mesma liña se sitúa a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que ten como obxectivo potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios nos que se produce, ao tempo que se aposta pola consolidación nos diferentes mercados.

Cabe sinalar que o concello de Larouco atópase na zona amparada para a produción de viño con denominación de orixe Valdeorras, que tamén abarca os municipios do Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.

No tocante aos monovarietais tintos, están elaborados con variedade mencía e dotados dunha fermosa cor entre vermello-rubí e picota, con intensidade media que lembran as froitas do bosque como a grosella, framboesa e amora. Os viños brancos están elaborados a partir da variedade godello e posúen cores amarelo-palla con matices verdosos, os seus recendos son francos e intensos lembrando algunha variedade de mazá.