O Bono Activa Comercio foi presentado no Barco por Gabriel Alén

Publicidad

O delegado da Xunta informou que a partir de hoxe os establecementos poden adherirse ao programa

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, no concello do Barco de Valdeorras, a Boutique Garoba, onde informou que a partir de hoxe os establecementos poderán adherirse ao Bono Activa Comercio da Xunta de Galicia. Unha terceira edición que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e permitirá mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas, tendo por obxectivo contribuír a reducir o impacto da inflación das familias, e que segundo Gabriel Alén, “permitirá incrementar as vendas do comercio, ao tempo que os bonos de desconto outorgarán unha maior capacidade de compra aos consumidores”.

O delegado territorial lembrou que, como en anteriores ocasións, as persoas consumidoras poderán descargar partir do próximo 15 de maio na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos. Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil.

O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalle un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.

Publicidad

Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga e uso por parte dos consumidores desde o 15 de maio e ata o 15 de setembro, salvo esgotamento previo do orzamento destinado a este programa. Como principal novidade desta edición do Bono Activa Comercio e para optimizar o seu funcionamento, non se limitará o número de usuarios que poden descargarse os bonos —un por persoa—, senón que cando o importe total dos descontos realizados alcance os 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar.