16.3 C
O Barco de Valdeorras
jueves, octubre 1, 2026
Publicidad

O BNG propón nunha moción que Valdeorras se postule como candidata para acoller unha «factoría IA»

Publicidad

Considera que O Barco e a comarca reúnen condicións para albergar un centro de datos

O BNG leva ao pleno do Barco unha moción para instar á alcaldía e ao goberno municipal a elaborar, no prazo máis breve posible, un estudo preliminar de viabilidade técnica e chan dispoñible no concello e na comarca de Valdeorras para albergar un centro de datos ou infraestrutura de factoría IA.

Propoñerá promover unha iniciativa conxunta co resto de concellos da comarca de Valdeorras, co apoio do INORDE, para solicitar á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Transformación Dixital a inclusión de Valdeorras como nodo territorial / antena de produción e ensaio de intelixencia artificial vinculado á estratexia galega e europea de AI Factories (aproveitando o impulso do proxecto 1Health AI no CESGA e a capacidade enerxética e industrial da comarca).

A moción tamén plantexa crear unha mesa de traballo e contacto coa Universidade de Vigo, os centros de investigación galegos e os actores industriais da zona para avaliar o impacto socioeconómico e a transferencia tecnolóxica que un proxecto deste tipo achegaría á comarca.

Publicidad

Na moción expón que a Unión Europea está a despregar un plan estratéxico (o AI Continent Action Plan) para acadar a soberanía tecnolóxica e liderar o desenvolvemento da Intelixencia Artificial a nivel mundial cun desenvolvemento de 30 mil millóns de euros.

Dentro desta estratexia, a Comisión Europea impulsa a creación de AI Factories e AI GigaFactories: infraestruturas de supercomputación e centros de datos deseñados para adestrar modelos de IA a grande escala e dar servizo a pemes, startups e centros de investigación.

Estas infraestruturas requiren tres elementos clave que son escasos na maioría das contornas urbanas e industriais saturadas: gran dispoñibilidade de chan industrial con acceso a enerxía limpa e renovable; capacidade de refrixeración sostible e recursos hídricos/fluviais axeitados; conexións estratéxicas de comunicación e transporte (futura A76).

O BNG di que a comarca de Valdeorras, e en particular o Concello do Barco como motor socioeconómico da zona, reúne condicións privilexiadas para albergar ou liderar un proxecto desta magnitude. Cita a seguintes:

  • Soberanía enerxética e renovables: Valdeorras e o seu contorno son grandes produtores de enerxía hidroeléctrica, un factor determinante nun momento no que o consumo enerxético dos centros de datos de IA é un dos maiores retos europeos.
  • Recursos para unha dixitalización sostible: A presenza de grandes recursos hídricos permite abordar sistemas de refrixeración e eficiencia enerxética de última xeración sen colapsar as redes urbanas.
  • Capacidade de vertebración territorial e transición xusta: Nun momento no que se busca a reindustrialización de zonas históricamente vinculadas á minaría ou ao sector primario, atraer un proxecto punteiro en tecnoloxía permitiría diversificar a economía local, fixar poboación nova e altamente cualificada e situar a Valdeorras no mapa da innovación europea. Despois dos incendios dos últimos anos, sería unha gran nova que as distintas administracións pensaran por fin en Valdeorras máis alá dos discursos de apoio á comarca sen accións reais que acompañen eses discursos.

«Para non quedar á marxe dos grandes fluxos de investimento en tecnoloxía e industrias do futuro, o Concello do Barco debe liderar unha proposta institucional e territorial coordinada cos concellos da comarca, a Xunta de Galicia e o Goberno de España», conclúe o BNG.