A cabeza de lista do BNG por Ourense iniciou a campaña no Barco e dixo que Ourense fará historia neste 29N conseguindo un acta para a formación nacionalista e para que a voz das comarcas ourensás se escoite
A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, reivindica a necesidade de poñer a Valdeorras no mapa con infraestruturas viarias seguras e competitivas que «só se conseguirán coa primeira acta nacionalista por esta circunscrición». Neste sentido, Presas avanzou que a reforma integral da N-120 será cuestión fundamental que o BNG «porá enriba da mesa» e apela á hemeroteca para sinalar que as forzas estatais sempre se esqueceron desta comarca e as súas comunicacións.
O primeiro acto da campaña foi no Barco. «Queremos que Valdeorras deixe de aparecer nos mapas como unha comarca que sempre está esperando. Ten dereito a contar con boas comunicacións, seguras e competitivas, que permitan vertebrar o interior e responder as necesidades da veciñanza», afirma a candidata do BNG.

Neste sentido, advertiu que as deficiencias nas comunicacións teñen consecuencias directas na vida cotiá, na actividade empresarial e na capacidade da comarca para atraer oportunidades.
Non pode haber, subliña Presas, territorios condenados a perder o tempo, oportunidades e calidade de vida por non contar coas infraestruturas que se precisan. «Non vimos aquí facer outra promesa. Vimos a poñer enriba da mesa dúas necesidades que Valdeorras leva demasiado tempo reclamando e que as forzas estatais, que tiveron representación no Congreso, sempre esqueceron», sinala.
«É a hora de que as comarcas de Ourense, a comezar por Valdeorras, sexan defendidas no Congreso por unha forza política que teña as mans libres para defender os seus intereses», expresou con contundencia a cabeza de lista do BNG, mentres afirma que «a primeira acta do BNG por Ourense conseguirá a reforma integral da N-120».
