Miguel Anxo Fernán Vello gaña o VI Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán con «A porta da casa»

Publicidad

Este domingo en Petín celébrase un encontro poético musical a partir das 12,30 horas

O VI Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán xa ten poema gañador. Trátase de «A porta da casa» que se abre de Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, 1958). Poeta, dramaturgo, pintor e editor, Fernán Vello recolleu o galardón, dotado con 3.000€, nunha gala celebrada este sábado no Teatro Lauro Olmo do Barco e á que chegara como finalista xunto aos poemas «A Casa de barro», de Cristina Ferreiro e «Deixará de pasar algún día», de Saray Rodríguez Pérez.

Foi no propio evento no que se desvelou o nome do gañador, escollido, segundo o xurado, pola súa profundidade, capacidade lírica e imaxes que espertan a sensibilidade do lector.

A poesía foi a gran protagonista dunha gala que por vez primeira cobrou entrada para destinar a recadación a proxectos de restauración da flora e fauna nos montes valdeorreses afectados polos lumes forestais deste verán.

Publicidad

O evento estivo conducido pola pola actriz Iria Pinheiro acompañada en escena polo músico e artista Davide González. Entre ambos, crearon unha atmósfera lírica e íntima para acubillar os versos dos finalistas lidos por eles mesmos sobre o escenario, excepto no caso de Cristina Ferreiro, quen o fixo a través dun vídeo ao non poder desprazarse ao Barco para a ocasión.

Quen si asistiu foi unha parte do xurado, coas poetas Enma Pedreira e Inma Núñez, e mais Aleixandre Lago, gañador do mesmo premio na edición do 2024.

Fin de semana poético

Con esta gala ábrese unha fin de semana poética e musical que ten unha nova cita este domingo 21 de setembro na Praza Doutor Quiroga de Petín. Alí, dende as 12.30, celébrase un encontro poético musical ao que acudirán os finalistas e xurado do Premio e que comezará coa Poesía frigorífica, da Asociación Cultural Nadel. Trátase dunha proposta lúdica na que regalarán imáns con versos de poemas gañadores dos sucesivos Premios de Poesía Florencio Delgado Gurriarán a todo aquel que acerte preguntas sobre autores e autoras da comarca.

Xunto ales, na mesma praza de Petín, ás 13,00 horas, comezará o concerto do grupo quirogués Mario Colomán & The Clocks Band, que contan cun repertorio propio de temas en galego. A seguinte cita da Fundación FDG é xa en outubro, coas Xornadas Culturais Castelao e Valdeorras.

O sábado 4 de outubro celebrarase a unha conferencia a bordo do tren que une Monforte e O Barco a cargo de Ricardo Gurriarán e Uxío-Breogán Diéguez denominada «Castelao e Florencio, unha conversa no tren do desterro», para a que é necesario inscribirse na web da Fundación.

Ao día seguinte, domingo 5 de outubro, na Sala Abanca do Barco ás 12.30, Pilar García Negro ofrecerá a conferencia Castelao, obra artística. Neste caso, o acceso é libre ata completar aforo.