A rexedora explica algunhas das obras que se acometerán como a renovación das canchas de tenis, a reforma da Casa da Cultura e mellora de distintas rúas
A alcaldesa da Rúa, María G. Albert, afirma que nos próximos meses vanse desenvolver obras importantes no municipio. Dous delas serán a mellora de espazos de xogo como é a gran remodelación do parque do Aguillón e a renovación das canchas de tenis. «Son dous servicios que teñen moitísimo uso e que están en malas condicións», di.
Deste xeito, serán retiradas as actuais canchas de tenis para colocar, no seu lugar, tres novas. «Teñen moita demanda e moitos problemas. Investiuse moito diñeiro nelas pero non saíron ben. Imos aproveitar fondos do GDR para realizar esa obra», explica María G. Albert.
Parque do Aguillón
Despois, con fondos do Plan EDIL, a primeira obra deste ano será a remodelación do parque do Aguillón que na actualidade está moi deteriorado. «Como estamos na fase de renovación de parques infantís, despois de arranxar o de Fontei e o da Praza Galicia, agora irá o do Aguillón, que é unha obra de aproximadamente 200.000 euros«, expón María G. Albert.
O parque do Aguillón é moi frecuentado por nenas e nenos e «queríamos amplialo e separalo en varias zonas, por tramos de idade, de 0 a 3 anos; de 3 a 6 anos e logo unha zona cun gran xogo para os nenos maiores. O parque vai quedar moi bonito», engade.
Rúas
Outra das obras previstas, di a rexedora, e a mellora de catro rúas en Vilela que se atopan en mal estado. Terán novo adoquinado, concretamente a Rúa Darriba, cruce da Rúa Os Cairos, Rúa do Anxo e Rúa Marentín.
Este ano tamén se van licitar 70.000 euros para a terceira fase de mellora da Rúa Mazaira, entre outras obras.
Casa da Cultura
Tamén vanse licitar 30.000 euros para a Casa da Cultura, edificio no que ademáis da biblioteca teñen sede varias asociacións e tamén actividades como karate. «Queremos darlle unha volta, porque ten deficiencias, e imos arreglala, pintar os baños e mellorar os espazos, incluso con nova iluminación na biblioteca», conclúe a alcaldesa da Rúa.

