José Quiroga Suárez xa é fillo predilecto da provincia de Ourense

Publicidad

A familia do que foi presidente da Xunta recolleu a distinción a título póstumo nun acto presidido por Alfonso Rueda e Manuel Baltar ca presencia da alcaldesa de Petín e o alcalde da Rúa entre outros moitos asistentes

O expresidente da Xunta de Galicia e médico José Quiroga Suárez (Petín, 1920-A Rúa, 2006) recibiu hoxe a título póstumo a distinción de Fillo Predilecto da provincia, «como homenaxe e recoñecemento do pobo de Ourense a un dos grandes prohomes da autonomía galega e figura vital no desenvolvemento do autogoberno», que coa súa contribución «acadou para Galicia catro décadas de benestar e progreso», segundo recolle a acta do expediente de honras.

A familia do político ourensán recolleu o título nun solemne acto celebrado este mediodía no salón de plenos da Deputación de Ourense, copresidido polos presidentes do goberno provincial, Manuel Baltar, e da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañados polo presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; familiares do homenaxeado; os alcaldes de Petín -Raquel Bautista- e A Rúa -Álvaro Fernández-; representantes da provincia no Congreso e o Senado; parlamentarios autonómicos, cargos institucionais e membros da corporación provincial.

Na súa intervención, Manuel Baltar definiu a José Quiroga como un “cidadán preocupado polo progreso e o benestar de Galicia, un partícipe da cousa pública que exerceu con total entrega e dedicación”. Quiroga Suárez desenvolveu, sinalou o presidente do goberno provincial, “con decisión as responsabilidades para as que foi escollido, sen facer da política unha mera ambición persoal, aportando a humanidade da súa vocación médica ó exercicio da acción pública. Actuou sempre así, dende o compromiso cos seus veciños de Valdeorras ata a alta responsabilidade de ser o segundo presidente do Goberno de Galicia”. 

Publicidad

Manuel Baltar enmarcou a traxectoria de Quiroga -“un Fillo ilustre da Ourensanía”-, na liña de pensamento do compromiso galeguista representando polos ourensáns Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Castelao e o poeta Ramón Cabanillas, “que transformaría, dende Ourense, o concepto cultural e político de Galicia”. 

“Non rachar con nada, aspirar a todo”

O presidente da Deputación reflexionou, parafraseando a Barreiro Rivas e ao seu libro “A terra quere pobo”, arredor dese “fatalismo histórico” de Galicia construído a partir do “encontronazo  entre unha cultura tradicional e inmobilista cun contexto político, social e económico suxeito a fortes e ben orientadas dinámicas”. Este choque, valorou Manuel Baltar, orientou o pensamento dos homes de Nós: “Participar, como pobo autoidentificado, como nación cultural, no diálogo e no desenvolvemento global das culturas, das economías e dos procesos políticos. Non rachar con nada, aspirar a todo”. 

Manuel Baltar situou a Quiroga no “comportamento ético e telúrico” comezado polas Irmandadades da Fala e que “se fixo visible e acadou altura intelectual cos homes de Nós, que continuou na política co Partido Ourensán Republicano, integrado en 1932 no Partido Galeguista, que remontou a terrible traxedia da guerra civil e da ditadura dende a outra beira do Atlántico, dende Bos Aires”. Unha liña política, sinalou o presidente, “retornada co mesmo espírito, pero en diferentes circunstancias, na transición democrática, cos  grupos políticos afíns a Euloxio Gómez Franqueira, militante da Mocidade Galeguista antes da guerra civil e cabezaleiro dunha idea e dunha praxe agrupada en Coalición Galega. Despois viría Centristas de Galicia, formación orientada por un gran amigo de José Quiroga, Victorino Núñez”. 

“Ese longo camiño, con idas e voltas, con longas rectas e reviravoltas”, rematou o presidente da Deputación, “serviu de alento a un médico entregado, que chegaría a ser o valedor e a voz defensora, perante o Senado, do segundo Estatuto de Autonomía de Galicia; nobre e sacrificado presidente dunha Xunta que carecía de case todo, pero que soubo suplir as dificultades e os atrancos con valentía e dignidade”. 

Alfonso Rueda enxalzou a “talla moral e política” de Quiroga e recoñeceu a “todos os que traballaron polo autogoberno galego con poucas ferramentas e escasos recursos”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou na súa intervención a talla “física, moral e política” dunha figura que sen esquecer nunca os seus deberes como médico e como pai de familia foi capaz de emprender un camiño cheo de incertezas como foi o da construción do autogoberno galego e a redacción do Estatuto de Autonomía.

Asegurou que a homenaxe a Quiroga era tamén un recoñecemento a todos as figuras que traballaron polo autogoberno de Galicia “con poucas ferramentas e moi escasos recursos”.