É convocado polo Instituto de Estudios Valdeorreses, os traballos poden presentarse ata o 25 de febreiro, haberá tres premios e unha exposición
O Instituto de Estudios Valdeorreses presentou esta mañá a segunda edición do seu «Concurso de espantallos», baixo o lema de «Os gardiáns das hortas». Con esta iniciativa, como manifestou o presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado, «preténdese poñer en valor unha figura fundamental do rural galego, que podemos ver ao longo da nosa xeografía en calquera horta ou explotación agrícola. Un elemento que en moitas ocasións nos sorprende pola gran orixinalidade coa que os seus autores a decoran. Tanto os particulares coma os profesionais».
Os interesados poden presentar as súas obras, que deben ter un tamaño non inferior a un metro nin superior a dous, ata o 25 de febreiro.
As tres mellores obras seleccionadas polo xurado recibirán un premio de 500, 300 e 200 €, que recibirán o primeiro, segundo e terceiro clasificado, respectivamente.
Exposición
Indepentemente dos premios, o Instituto de Estudios Valdeorreses organizará unha exposición con todos os espantallos que os participantes presenten ao concurso, que se celebrará nos xardíns da Casa Grande de Viloira, no Barco de Valdeorras. Posteriormente, todas esas figuras se colocarán ao longo do Camiño de Inverno ao seu paso pola comarca.
Participación infantil
Julio Pérez Veiga, membro da Xunta Directiva do IEV, quixo destacar no acto celebrado na biblioteca da Casa Grande de Viloira, no Barco de Valdeorras, que «presentaremos esta iniciativa aos colexios e institutos valdeorreses, para incentivar a participación dos seus alumnos e profesores. Se o número de obras presentadas o permitise, instalaranse algúns espantallos en lugares nos que poidan ser admirados polos nenos e nenas, tales como centros escolares, parques e xardíns».
Para valorar o esforzo dos máis pequenos que queiran participar neste concurso, os nenos entre 5 e 10 anos poderán participar de forma individual con bonecos de 30 a 50 cm, e non precisarán soporte algún. Neste caso, non se establece premio en metálico, e aos tres primeiros clasificados nesta categoría faráselles entrega dun agasallo e dun lote de libros.
Turismo de Galicia
O presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado, quixo agradecer á Axencia de Turismo de Galicia, que dirixe Xosé Merelles, «a súa axuda para poder organizar esta iniciativa. Unha acción que se enmarca dentro do acordo de colaboración entre o IEV e Turismo, para poñer en valor os atractivos patrimoniais, culturais e turísticos da nosa comarca«.
Dentro das actividades que se están desenvolvendo gracias a este proxecto conxunto, ata o 24 de outubro áinda está aberto o prazo para participar no XII Concurso Fotográfico Manuel Blanco Pascual. O tema desta edición é «O patrimonio material e inmaterial que atopa o peregrino que fai o Camiño de Inverno por Valdeorras».
Bases do Concurso de Espantallos
- Poden participar persoas residentes ou non en Valdeorras, sen límite de idade
- Só se pode presentar un espantallo por concursante
- O tamaño do espantallo non pode ser inferior a 1metro nin superior a 2 metros. Levará un pau de madeira como soporte con punta para poder ser cravado na terra. Os nenos entre 5 e 10 anos poderán participar de forma individual con bonecos de 30 a 50 cm e non precisarán soporte algún. Neste caso non se establece premio en metálico e para os 1º, 2º e 3º premios farase entrega dun agasallo e un lote de libros
- Os materiais deberán ser naturais e reciclables. Non poderán utilizarse plásticos, colorantes, nin substancias tóxicas que poidan prexudicar a flora ou a fauna. Tampouco poderá utilizarse roupa nova nin disfraces mercados en tenda
- Pódense incorporar letreiros con lendas alusivas ao tema, pero que non conteñan frases de índole político ou que atenten a imaxe ou a dignidade das persoas.
- O transporte dos espantallos ata os xardíns da Casa Grande será por conta do concursante
- As obras presentadas pasarán a ser propiedade do IEV, entidade que previos os correspondentes permisos, colocará ao longo no Camiño de Inverno, colocándolle un cartel co nome e apelidos do seu autor. Se o número de espantallos presentados o permitise, o IEV situaría algún deles en lugares nos que poidan ser admirados polos nenos, tales como centros escolares, parques e xardíns
- O IEV resérvase o dereito de reprodución de fotos, vídeos ou calquera outro medio, dos traballos premiados
- O transporte e colocación dos espantallos desde a Casa Grande ata o Camiño de Inverno ou parques e xardíns, correrá por conta do IEV
- Establécense os seguintes premios: un 1º de 500 €, un 2º de 300€ e un 3º de 200€
- O xurado estará formado por tres persoas cualificadas e o seu veredicto será inapelable
- O prazo de recepción de espantallos remata o 25 de febreiro
Para máis información: ievaldeorreses@yahoo.es