«Gastromímate», a ponte de sabores que promove AEVA para dinamizar o sector primario, hostaleiro e turístico

Publicidad

As actividades desenvolveranse entre o 3 e o 11 de decembro con maridanza de viños e pratos, obradoiro e cata de produtos na praza de abastos do Barco e unha andaina

A Asociación Empresarial de Valdeorras impulsa para a ponte de decembro «Gastromímate, unha ponte de sabores», unhas xornadas para todos os públicos que buscan, ademais de impulsar aos sector da hostalería, promover unha alimentación saudable e consciente, con especial atención ao valor diferencial da gastronomía valdeorresa e do sector primario da comarca, en harmonía cos viños da Denominación de Orixe.

Gastromímate, unha ponte de sabores desenvolverá as súas actividades entre os días 3 e 11 do mes de decembro, e comezará co II Concurso de Maridanza para establecementos de hostalaría da comarca de Valdeorras, que dá continuidade á súa exitosa primeira edición, celebrada no Entroido de 2019, e que quedou interrompida pola pandemia.

Desde o día 3 ata o 10 de decembro, os locais participantes deberán ofrecer a súa fusión de viños tintos ou brancos con gastronomía, nunha proposta “natura” elaborada para a ocasión a modo de prato, ración ou brunch, doce ou salgado, con produtos de tempada e proximidade, como poden ser as setas, a cabaza, as castañas, as noces ou o mel da zona.

Publicidad

Un xurado profesional visitará na derradeira xornada –o sábado, día 10– os seis establecementos finalistas, aqueles con máis puntuación do público, para avaliar as maridanzas propostas e valorará tamén o emprego de produtos “gourmet” de proximidade, como os queixos, embutidos ou aceites da comarca, e viños e licores da Denominación de Orixe Valdeorras.

Ademais, os locais que fagan parte na ruta do concurso contarán con furnas para que o público poida votar tamén as preparacións acompañadas dos viños. As votacións poderán facerse entre os días 3 e 9 de decembro, e entre as persoas que participen na degustación e emitan o seu voto sortearanse tres tarxetas regalo ValdeCASH e un lote de viños da D.O. de Valdeorras.

Para os establecementos de hostalaría que participen no II Concurso haberá un premio por voto popular, ademais doutros dous do xurado, un pola maridanza con viño tinto e outro pola maridanza co viño branco.

Os negocios que queiran formar parte do concurso poderán anotarse ata o día 30 de novembro. Poderán facelo a través dun formulario accesible na web da asociación ou enviando un mail a aeva@empresariosdevaldeorras.com. As bases poden consultarse tamén no sitio web de AEVA.

A entrega de premios terá lugar o domingo 11 de decembro, ás 12.30 horas, nun acto que estará precedido dun percorrido a través do Malecón coa participación da regueifeira Lupe Blanco Vázquez, quen sacará o mellor das súas dotes interpretativas e de improvisación oral nun roteiro aberto a quen queira sumarse á comitiva. “Gastromímate no mercado”.

O programa complétase coa acción Gastromímate no mercado, que decorrerá o día 10 na praza de abastos do Barco de Valdeorras. Entre as 10.30 e as 12 horas, as persoas participantes poderán descubrir unha nova cara do mercado, da man da nutricionista e tecnóloga dos alimentos Ana Isabel Fernández Escuredo, quen afondará no valor do produto de tempada e Km 0 a través dun percorrido explicativo polos postos do recinto no que encher a cesta da compra de forma consciente. A sesión que inclúe, ademais da visita, unha cata de viños de Valdeorras e dalgúns alimentos de tempada, a cargo da sumiller Mercedes González Rodríguez.

A actividade pecharase cun concurso gastronómico, aberto a todas as persoas que queiran participar, que só teran que levar á praza de abastos algunha preparación elaborada con produtos de tempada da zona: chulas de cabaza, torta de castaña ou calquera outra preparación con alimentos de Valdeorras.

A inscrición para a sesión no mercado e o concurso de cociña amateur, de balde e aberta ata o día 9 de decembro, pode facerse enviando os datos necesarios a AEVA a través do correo electrónico (aeva@empresariosdevaldeorras.com) ou desde a páxina web da
entidade. Na comunicación, as persoas que queiran sumarse deberán indicar o nome completo, un teléfono de contacto e un correo electrónico e, en caso de querer participar no concurso culinario, o prato co que van participar. As prazas están limitadas a 24 participantes.

Andaina pola Vía Nova

Xunto cos eventos gastronómicos, AEVA programa para a mañá do día 3 de decembro unha actividade destinada a dar a coñecer os vestixios da Vía Nova Romana, ao seu paso polo parque natural da Serra da Enciña da Lastra. Trátase dunha calzada de 2.000 anos de
antigüidade, deseñada para conectar Bracara Augusta (Braga) con Asturica Augusta (Astorga), capitais de senllos conventos xurídicos de Gallaecia.

O percorrido estará guiado polo arqueólogo Santiago Ferrer, quen achegará ao público os datos máis relevantes da historia da construción e o seu contexto histórico, e o biolólogo Miguel Conde. A andaina remata en Biobra, no Centro de Interpretación do Parque Natural
Serra da Enciña da Lastra, onde gozaremos dunha experiencia gastronómica que incluirá unha cata de viños de Rubiá e produtos locais preparados cun matiz historicista, para relacionalos coas pegadas da romanización en Valdeorras. Esta degustación estará conducida pola enóloga valdeorresa Cecilia Fernández.

O paseo está dirixido a todos os públicos –aínda que require unha mínima capacidade física– incluído menores de idade, sempre que vaian acompañados. Para participar é necesario cumplimentar o seguinte formulario e adxuntar unha fianza de 5€, que se devolverá o día da andaina ou no caso de non asistencia por causa de forza maior.

Tamén é posible inscribirse no correo aeva@empresariosdevaldeorras.com.