Eladio Santos repasou as inversións do Goberno en Petín e visitou o novo malecón

Publicidad

O subdelegado mantivo unha reunión coa alcaldesa de Petín para falar dos proxectos que xa remataron e outros novos

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou esta mañá o Concello de Petín, onde aproveitou para destacar a importancia do Programa DUS 5000 que deixa no municipio unha subvención de 146.063,27 euros. Este investimento chega a través do IDAE, órgano dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. As obras atópanse xa en execución e o Concello aporta un 20% do orzamento.

Tal e como destacou o subdelegado durante a súa visita, trátase dunha subvención que “permitirá mellorar as luminarias do municipio, apostando pola tecnoloxía LED, o que suporá un importante aforro enerxético ás arcas municipais e unha mellora da eficiencia enerxética en Petín”. Eladio Santos tamén puxo de manifesto que investimentos deste tipo “son a demostración da aposta clara que teñen o Goberno e o Concello de Petín por dotar á veciñanza dunha renovación do alumeado público, coa eficiencia enerxética por bandeira e coa actualización dos equipos”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Petín, Raquel María Bautista, explicou polo miúdo os detalles das obras, que contemplan a sustitución de 160 luminarias a tecnoloxía LED de última xeración, o que en palabras da rexedora “suporá un aforro do 60% na factura eléctrica municipal”.

Publicidad

Visita á reforma do Malecón 

Aproveitando a visita a Petín, o subdelegado do Goberno e a alcaldesa do municipio comprobaron de primeira man o resultado das obras xa finalizadas no Malecón de Petín, que contaron cun importante investimento de 800.000 euros, no que un 80% foi aportado polo Goberno central, a través da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e un 20% polo Concello. 

En relación a esta obra, Eladio Santos afirmou que “o Goberno sempre estará a carón dos concellos para mellorar o desenvolvemento urbanístico e potenciar iniciativas que permitan atraer turistas”. 

O subdelegado amosou a súa “satisfacción” polo remate das obras e destacou que o Goberno “ten en conta o rural e as necesidades dos pequenos municipios, aportando subvencións para mellorar a calidade de vida da veciñanza e as infraestruturas municipais”. Eladio Santos finalizou convidando ás demais administracións con competencias tanto na provincia como a nivel autonómico a “colaborar do mesmo xeito”.