O candidato por Valdeorras reunise ca presidenta da Asociación de Amigos do Camiño para falar das necesidades desta ruta xacobea
Eladio (Lalo) Santos, candidato por Valdeorras número 4 nas listas do PSOE pola provincia de Ourense, reuniuse, coa Presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Inverno en Valdeorras, Asunción Arias, despois de percorrer un tramo desta ruta xacobea.
Ambos falaron da importancia do Camiño de Inverno para Valdeorras. O candidato quixo recoñecer o labor de anos de loita para conseguir o recoñecemento do Camiño de Inverno como Camiño de Santiago.
Por outra banda, ambos coincidiron en que hai problemas de sinalización, e fan falta melloras e mantemento en Valdeorras, ademais da «demora en sinalizar correctamente o Camiño e na necesidade de melloras en aspectos claves como a seguridade, a divulgación e actividades de difusión entre os propios valdeorreses», expresou Eladio Santos.
O candidato comprometeuse a impulsar o Camiño de Inverno, tanto no que se refire a melloras como mantemento, «sempre consultando e coordinadamente cos concellos que conforman o itinerario e, sobre todo, abordar a posibilidade de impulsalo como un elemento turístico trasversal, que esté presente dun xeito ou outro en cada evento cultural, deportivo, enoturístico, gastroturístico», indicou Eladio Santos.
O Camiño —concluiu— debe formar parte da estratexia de impulso das actividades turísticas.