«Un paso adiante» será a idea central dunha nova candidatura que aposta por abrir unha nova etapa en Petín
Domingo Díaz Docampo presentará este venres a súa candidatura á Alcaldía de Petín para as eleccións municipais de 2027, despois de ser elixido pola Executiva Local do PSdeG-PSOE.
«Un paso adiante» será a idea central dunha candidatura que quere continuar avanzando a partir do traballo realizado nos últimos anos e, ao mesmo tempo, abrir unha nova etapa con novas ideas, novo equipo, novos retos e novas oportunidades para o municipio.
O candidato socialista presentará un proxecto construído arredor dunha idea fundamental: Petín ten unha base sobre a que avanzar e un enorme potencial que aínda pode ser aproveitado.
O patrimonio, a paisaxe, a actividade agraria e vitivinícola, a cultura, o turismo e, sobre todo, as persoas e o seu talento, constitúen para Díaz Docampo os principais activos sobre os que construír o futuro do municipio.
A candidatura traballará a partir de diferentes prioridades, entre elas fixar poboación, ampliar e mellorar os servizos e calidade de vida, desenvolver políticas de vivenda, diversificar a economía local, mellorar a atención ás persoas en situación de vulnerabilidade e dependencia e atraer talento, actividade e investimento.
A candidatura estará tamén marcada pola traxectoria profesional e persoal de Domingo Díaz Docampo. Nado en Petín en 1967, é produtor e director audiovisual e está á fronte de SocialDocs, desde onde desenvolveu proxectos vinculados á educación, a memoria, a cultura e a transformación social.
A súa actividade profesional, levouno a participar en proxectos dependentes da Unión Europea e permitiulle coñecer outras realidades e diferentes formas de abordar proxectos, unha experiencia que agora quere poñer ao servizo do municipio.
Esa combinación de arraigamento local e mirada exterior estivo tamén presente nas Xornadas de Desenvolvemento desde o Rural, celebradas en Petín en 2025, que reuniron expertos, emprendedores e representantes públicos para analizar novas oportunidades para o medio rural.
«Petín coñézoo desde dentro. Pero tamén tiven a oportunidade de coñecer outros lugares, outras experiencias e outras formas de facer. Creo que esa mirada pode axudarnos a identificar oportunidades que ás veces non vemos desde dentro», afirma.
Unha candidatura aberta á veciñanza
Díaz Docampo quere que a súa candidatura sexa unha candidatura aberta, na que a participación da veciñanza teña un papel fundamental.
Durante os próximos meses, o equipo socialista pretende manter encontros con diferentes sectores da sociedade local para escoitar propostas, identificar necesidades e incorporar novas ideas ao programa electoral.
«Quero que esta sexa unha candidatura que escoite. Que fale coa xente e que conte coa xente. O futuro de Petín non o pode deseñar unha soa persoa nin un só grupo: temos que construílo entre todos e desde Petín», destaca.
Para o candidato, «Un paso adiante» representa tamén unha forma de entender a política municipal: avanzar sen esquecer de onde se parte, valorar o realizado, corrixir o que sexa necesario e ter a capacidade de mirar máis lonxe.
«Petín é o meu pobo. Coñezo as súas fortalezas, os seus problemas e, sobre todo, a enorme capacidade da súa xente. Quero dar un paso adiante para traballar por ese futuro e facelo contando coa veciñanza», conclúe Domingo Díaz Docampo.
Con «Un paso adiante», o PSdeG-PSOE de Petín inicia así o camiño cara ás eleccións municipais de 2027 cunha proposta que busca dar continuidade ao avance do municipio, incorporar novas ideas e abrir novas oportunidades para Petín.
