Organiza a Consellería de Medio Rural e será o 28 de xuño na Casa Grande de Viloira
A Consellería do Medio Rural ten previsto celebrar unha acción de formación profesional e adquisición de competencias sobre os aspectos prácticos da normativa forestal. O obradoiro darase na Casa Grande de Viloira, no concello do Barco de Valdeorras, o día 28 de xuño en horario de tarde dende as 16,30 ás 20,30 horas.
O programa deste curso aborda aspectos prácticos da Lei de montes de Galicia e da Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Os alumnos serán formados en nocións tales coma repoboacións forestais, obrigas de xestión da biomasa, actividades en terreos queimados ou cambios de actividade no monte, entre outros aspectos.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende abordar como lle afecta a normativa vixente á poboación rural no relativo aos montes e á prevención de incendios forestais. Por iso, o curso centrarase nos procedementos máis habituais que a maioría de habitantes das aldeas e pobos galegos necesitan nalgunha ocasión.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se está ou non admitido. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 988 386 706, ou enviarse un correo a maria.jose.alberte.rivera@xunta.gal.