A Consellería de Cultura adxudica 230.000€ ás entidades locais que contraten espectáculos de produción galega para programar entre o 15 de xuño e o 31 de agosto
A Xunta de Galicia distribúe este ano 230.000€ entre os 90 concellos galegos das diferentes rutas xacobeas que resultaron adxudicatarios do programa Cultura no Camiño. A 14ª edición deste circuíto estival de espectáculos galegos de artes escénicas e musicais desenvolverase entre o 15 de xuño e o 31 de agosto por 33 municipios da provincia da Coruña, 16 da de Lugo, outros 16 da de Ourense e 25 da de Pontevedra.
Deste xeito, «Cultura no Camiño» volverá este verán ao encontro co público a través dun intenso, completo e descentralizado calendario de actividades, xa que a súa dotación se destina integramente a cofinanciar a contratación de producións profesionais galegas de teatro, danza, narración oral, circo e maxia, así como concertos.
A contía que recibe cada municipio outorgouse en diferentes porcentaxes segundo o número de habitantes. Así, do mesmo xeito que os anos anteriores, o Goberno galego asume ata o 50% do custo dos espectáculos en localidades de menos de 20.000 habitantes, cun máximo de 2.500€ por adxudicación, e ata o 40% nas entidades que superen esta poboación, cun límite de 3.500€ por axuda.
As entidades locais deberán agora confeccionar cadansúa programación, despois de contratar un mínimo de dúas actuacións entre a oferta incluída no catálogo específico que a Axencia Galega das Industrias Culturais pon a disposición mediante a plataforma en liña galescena.gal.
Percorrido polas catro provincias
Nunha relación por provincias, na da Coruña Cultura no Camiño 2026 chegará á Pobra do Caramiñal, Abegondo, Ames, Arzúa, Betanzos, Boiro, Boqueixón, Cabanas, Carral, Cee, Corcubión, Dumbría, Fene, Fisterra, Melide, Mesía, Miño, Muxía, Narón, Neda, Negreira, O Pino, Oroso, Ordes, Paderne, Padrón, Pontedeume, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Sobrado e Teo.
Na de Lugo, serán A Fonsagrada, Barreiros, Begonte, Chantada, Castroverde, Guitiriz, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Palas de Rei, Pantón, Portomarín, Ribadeo, Ribas de Sil, Sarria e Quiroga os concellos participantes.
Na provincia de Ourense tamén formarán parte de este circuito A Mezquita, Amoeiro, Allariz, A Rúa, Baños de Molgas, Monterrei, O Barco de Valdeorras, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Sandiás, Sarreaus, Taboadela, Vilar de Barrio, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía tamén formarán parte deste circuíto.
Pola súa banda, en Pontevedra, o programa visitará A Guarda, A Illa de Arousa, Cambados, Caldas de Reis, Catoira, Baiona, Dozón, Lalín, Meaño, Mos, O Grove, O Porriño, Oia, O Rosal, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Rodeiro, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tui, Vilaboa, Vilanova de Arousa e Vilagarcía de Arousa.
«Cultura no Camiño» ten revalidado nos últimos anos o seu papel dinamizador da oferta cultural e de ocio ao pé do Camiño de Santiago durante os meses de maior afluencia de visitantes, ademais de impulsar da contratación de espectáculos galegos. Así, no pasado verán, a súa 13ª edición foi unha das propostas integradas na campaña da Xunta de Galicia «Para gustos, cultura«, levando a cabo 312 citas escénicas e musicais en 89 municipios a cargo de 170 formacións artísticas do país que foron seguidas por máis de 38.000 persoas.
A Resolución de concesión das subvencións para o programa de 2026 pode consultarse na web industriasculturais.xunta.gal.
