Carta ao director@: «¡Xuventude de Rubiá, contamos con vos!»

Publicidad

Ana María Fernández, periodista e profesora da ESAD de Galicia, opina sobre os incendios

Meu fillo me pregunta si estou contenta e non sein que decir. Dende o 10 de agosto que comezou a arder Yeres, As Meduas e Queixa teño o corpo arrepiado e os pulmóns cheos de cernada. Asolagame a mesma desolación e raiba que calcinou a miña terra… E mañá e pasado fan festa en Rubiá… E eu que non levanto cabeza… e meu fillo brincando de ledicia pola festa…

Respondolle ao meu fillo que estou moi contenta e agradecida de que a xuventude salvara as casas dos pobos do Concello de Rubiá e a Serra da Enciña da Lastra, de que non se queimaran de novo, como no 2022, e de que as persoas non foran víctimas do lume. Pero estou triste por repetir a mesma historia tres anos despois, porque non aprenderamos case nada. Estou moi triste por San Vicente, As Meduas, Manzaneda, por tantas e tantos… triste e indignada. Pobres, non tiñan xuventude dabondo… pero tiñan aos xestores do público, da Xunta… nonsi?

Alégrame saber que a xuventude de Rubiá, que riscou a sua vida salvando os pobos, teñan gañas de celebralo nas Festas de San Bartolo. Venme á memoria que na Idade Media os poderosos premiaban con festas aos vasallos que sobrevivían as guerras. Tiñan moitos vasallos. Sein que non se pode comparar. Hoxe xuventude non nos sobra en Rubiá.

Publicidad

Alegrame saber que lles quedan folgos para celebrar a pesar do medo que viron nos ollos, o fume que respiramos e de saber que non moi lonxe quen tiña que estar non estaba (si fora malpensante diria que á Xunta lle saiu «gratis») e saber que outros non tiveron tanta sorte e perderon as suas casas e a sua vida.

Espero que, pasada a resaca, a xuventude de Rubiá, agradecida de estar viva, busque solucións para intentar que non volva ocorrer. Mereceno. Merecen non repetir un terceiro capítulo incendiario. Espero que a xuventude de Rubiá presione para que a administración municipal, provincial e autonómica tomen tódalas medidas de prevención necesarias. Eu nestes derradeiros tres anos xa falei co Concello e a Comunidade de Montes varias veces para que limpasen os camiños. Tamén o solicitei por escrito no rexistro do Concello de Rubiá. Non tiven resposta. Axudaría moito que solicitemos tod@s por escrito no Concello que se responsabilicen de que cortalumes e camiños estén limpos.

Tamén espero que a xuventude de Rubiá coide os soutos de castiñeiros e as leiras das suas familias. Espero que adique tempo a coidar a vida, que todo os anos solicite por escrito no Concello que camiños e cortalumes se limpen no inverno; que todos os anos solicite por escrito que a Xunta execute o seu presuposto de prevención e extinción de incendios sin escatimar efectivos ou medios para poder apagar os incendios antes de que se convirtan en monstros.

«¡Contamos con vós, Xuventude de Rubiá!».

Carta ao director@ enviada por Ana María Fernández, natural de Rubiá, periodista e profesora nos últimos 16 anos da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia