Será no Paseo do Malecón o venres 25 de setembro a partir das 17,00 horas
O Barco de Valdeorras acolle este venres 25 de setembro a segunda parada de Camiños de Ciencia, o ciclo promovido por Observer Turismo Científico, coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo, para achegar o coñecemento científico ao territorio a través do Camiño de Santiago. Será ás 17,00 horas no Paseo do Malecón (fronte ao Casino).
Nesta ocasión, o protagonista será o xeólogo Víctor Barrientos, da Universidade da Coruña, nunha conversa titulada «As Médulas: ouro e pedra», centrada na xeoloxía e na minería romana no Camiño de Inverno.
A actividade non terá o formato dunha conferencia convencional. Será unha conversa divulgativa aberta ao público que se gravará en directo como novo episodio do podcast de Camiños de Ciencia.
Manuel Vicente, responsable do programa Efervesciencia da Radio Galega, e Maite Vence, directora de Observer, conversarán con Víctor Barrientos sobre a formación xeolóxica deste territorio, a explotación aurífera romana das Médulas e as pegadas que esta actividade deixou na paisaxe e na historia do Camiño de Inverno.
O alcalde, Aurentino Alonso, participará nesta actividade.
O público poderá seguir a conversa, participar e formular preguntas, de maneira que as persoas asistentes formen tamén parte da gravación do episodio.
Ciencia para interpretar o territorio
Camiños de Ciencia propón descubrir o Camiño de Santiago desde diferentes disciplinas científicas e utilizar o coñecemento como ferramenta para interpretar a paisaxe, o patrimonio e a historia dos territorios polos que transcorre.
Entre setembro e novembro de 2026, o ciclo percorrerá seis localidades vinculadas ao Camiño Francés e ao Camiño de Inverno con encontros dedicados á arqueoloxía, á xeoloxía, á farmacia e á astronomía.
