«Camiño de Futuro» presentou no Barco axudas ás empresas

Publicidad

Medio cento de personas do mundo empresarial coñeceron o programa da Xunta de apoio as empresas

Camiño de Futuro. Así se chama a iniciativa posta en marcha pola Administración autonómica co obxectivo de difundir entre as pequenas e medianas empresas de contornas non urbanas os instrumentos de apoio dirixidos a mellorar a súa competitividade e crecemento. A Casa Grande Viloira do Barco de Valdeorras acolleu esta mañá a presentación desta iniciativa, un «mapa» de axudas da Xunta.

No acto estiveron o alcalde do Barco, Alfredo García, a alcaldesa de Carballeda e presidenta do GDR 7, María del Carmen González; o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén e a presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, Marisol Novoa e a presidenta de AEVA, Araceli Fernández, entre un nutrido grupo de representantes da Administración.

Alfredo García, alcalde do Barco, agradeceu a celebración deste encontro e destacou a necesidade na comarca de  «manter o emprego e xerar tamén emprego no rural».

Publicidad

García indicou que é necesario ter as condicións «de poder vivir do territorio nunha zona que ten falta de asentamento poboacional e a necesidade de instalar empresas na comarca, máis preto da península que ningunha outra».

Pola súa banda, a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María del Carmen González, apostou pola necesidade de «crear un rural dinámico no que teñamos servizos e que permita emprender e vivir en Valdeorras».

O delegado territorial destacou na súa intervención que as pemes son unha prioridade para a Xunta de Galicia -como motor da economía galega- e que, por iso, se persegue que aquelas que aínda non iniciaron o camiño da innovación o fagan, xa que é un factor clave para a competitividade das compañías.

Así mesmo, Gabriel Alén sinalou que actualmente as empresas galegas se enfrontan a retos globais que dificilmente se poden abordar sen innovación e o papel da Administración debe ser acompañalas neste proceso.

Para iso, púxose en marcha o Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que inclúe diferentes actuacións, como liñas de axuda pensadas para empresas tradicionais e de sectores maduros que queren empezar a innovar; difusión da cultura da innovación para incrementar o número de pemes innovadoras; desenvolvemento de contidos formativos e ferramentas para que as pemes poidan avaliar a súa capacidade para innovar; difusión de casos de éxito de empresas innovadoras da contorna e asesoramento personalizado.

Esta é a primeira das paradas do Camiño de Futuro e que concentrou no Barco a máis de medio centenar de empresarios, empresarias, persoas emprendedoras, e representantes de entidades empresariais da contorna como Aeva e o Clúster da Pizarra, entre outros.

Este Camiño de Futuro, iniciativa da Xunta de Galicia que dá continuidade a Camiño da Innovación, ten como obxectivo, ademais de dar a coñecer estes apoios, promover a súa utilización para fomentar a modernización do tecido produtivo, mellorar a súa competitividade e facilitar o seu crecemento, así como impulsar a innovación, internacionalización e sustentabilidade entre as máis afastadas dos núcleos urbanos.

Así, representantes do Igape, da Axencia Galega de Innovación (Gain), de Agader e dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) explicaron todas as posibilidades para as empresas da contorna de acceder a apoios vinculados coa innovación, o emprendemento, a dixitalización, internacionalización, sustentabilidade, produtos e procesos agrícolas e sectores como apicultura, silvicultura, e mesmo actividades non agrarias no rural, entre outras. Un completo abano de apoios e axudas para o tecido empresarial.

O peche do acto correu a cargo de Marisol Novoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense, entidade co-organizadora do evento. Na súa intervención, Novoa aproveitou para lembrar que na comarca valdeorresa a CEO ven de poñer en marcha a oficina de Conecta Ourense, «un proxecto que ten como principal obxectivo detectar o potencial das empresas desta zona de maneira que podamos orientalas no seu camiño cara á innovación, a internacionalización e a sustentabilidade, características irrenunciables das empresas deste século para afrontar con éxito os escenarios tan complicados que estamos a atravesar e poder así consolidar a súa competitividade».

A presidenta da CEO insistiu en que «en este contexto tan incerto e complexo é cando máis debemos estar a carón das empresas, cada organismo, administración ou entidade que aquí estamos na súa parcela de competencias e ao máximo das súas posibilidades, facilitando as condicións idóneas para que podan seguir desempeñando a súa actividade».

A presentación dos apoios correu a cargo dos representantes dos organismos da Xunta presentes, e a súa utilidade foi contrastada posteriormente coa exposición de casos de pemes que acadaron os obxectivos de innovación e mellora nos seus proxectos empresariais como Samaca, Regalsa facility service e Meraki Cakes & Food.

Planes de axudas

O Igape presentou as axudas ao emprendemento no ámbito rural, a través de Galicia Emprende. Para fomentar a competitividade teñen abertas varias liñas como a de dixitalización da industria 4.0, e obradoiros de dixitalización, e o programa Reacciona para pemes e autónomos con máis de 3 efectivos.

Ademais abre unha nova liña para proxectos que desenvolvan a economía circular. Por outra banda, a través de financiamento presentaron a liña Galicia Inviste e os convenios coas sociedades de garantía recíproca, préstamos directos do Igape e a liña IFI Innova, son investimentos mobilizados para autónomos e pemes no sector industrial. E para fomentar a internacionalización, ábrese novamente a liña Galicia Exporta DixitalGalicia para empresas exportadoras, para proxectos individuais ou colectivos.

A Axencia Galega de Innovación, Gain, presentou tamén novas liñas de axudas como Programa Investigo e Talento Senior, para contratar investigadores e tecnólogos ata 30 anos para a realización de actividades de I+D+i, por empresas e organismos de investigación con centro de traballo en Galicia, no primeiro caso; e axudas axudas para a contratación de persoal de alta cualificación, por un período mínimo de tres anos, con máis de 5 anos de experiencia profesional para desenvolver a súa carreira profesional en empresas e centros de investigación, así como estimular a demanda no sector público e privado de profesionais de alta cualificación para acometer proxectos de I+D+i en Galicia, na segunda tipoloxía.

Gain tamén favorece outros apoios como axudas ás etapas de pre e pos doutoramento para incrementar a incorporación de persoal investigador ao Sistema de I+D+i galego fomentando, na súa etapa inicial, a adquisición e perfeccionamento das habilidades propias do persoal investigador doutor.

Para iniciativas de emprendemento innovador Gain pon a disposición o apoio a proxectos excelentes Neotec, e no ámbito da innovación empresarial presentou as liñas Innova Pema, Bonos de innovación, Deseña Peme e Re-acciona Innovación, que van desde a mellora da capacidade innovadora de microempresas e pemes, ata a contratación de servizos externos que faciliten actividades de innovación, a incorporación do deseño no desenvolvemento de produtos e servizos, e servizos avanzados a empresas para a mellora da súa competitividade a través da innovación no caso de Re-acciona Innovación.

Os representantes de Agader, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, explicaron as axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, para accións silvícolas, creación de empresas para persoas agricultoras mozas, a mellora da sustentabilidade, competitividade e resiliencia do sector agroalimentario desde o punto de vista económico, medioambiental e social; o fomento de actividades destinadas a mellorar a producción e comercialización dos produtos da apicultura, para actividades non agrícolas en zonas rurais, e para a implantación de proxectos piloto para o desenvolvemento de produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías nos sectores agroalimentario, agrícola e forestal.

A industria forestal

A Axencia Galega da Industria Forestal tamén participou neste acto e presentou as liñas de axuda para este sector, como as Xera-Tecno, de apoio á explotación forestal e primeira transformación nas pemes desta industria, así como á valorización da segunda transformación. A liña Xera-Savia vai encamiñada á mellora da formación e coñecemento da industria forestal por parte de asociacións sectoriais e colexios profesionais. Utilizamadeira é unha liña de fomento da demanda de produtos forestais dirixidas a pemes, particulares e entidades sen ánimo de lucro; Xera-Ecoinnova e Xera-Dixital son novas liñas para fomentar proxectos de dixitalización e de ecodeseño de produtos e solucións de economía circular para pemes que utilicen madeira e melloren a pegada ambiental.

14 encontros networking

En total, dentro de Camiño de futuro celebraranse catorce encontros de networking durante os meses de marzo e abril por toda a xeografía galega. A iniciativa, organizada pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, conta coa colaboración das consellerías do Medio Rural e do Mar, os grupos de desenvolvemento rural (GDR) e grupos de acción local pesqueira (GALP), así como as confederacións de empresarios de Lugo e Ourense.

Camiño de futuro dá continuidade á iniciativa Camiño da Innovación, unha das primeiras actuacións do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes que ao longo dos meses de novembro e decembro pasados percorreu a través dun espazo itinerante un total de 18 localidades das catro provincias galegas, realizando máis de 240 asesoramentos a pemes galegas e asistindo máis de 550 persoas aos encontros.