Besteiro visitou Valdeorras: «Fan falta máis cartos para os concellos nos Orzamentos da Xunta»

Publicidad

 Avanzou que as emendas “en positivo” dos socialistas ás contas de Rueda xirarán “moito” en torno ao financiamento local

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou hoxe dende O Barco “máis cartos para os concellos” nos Orzamentos da Xunta. Nese senso, avanzou que as emendas “en positivo” dos socialistas ás contas de Rueda xirarán “moito” en torno ao financiamento local, porque son os municipios “os que teñen que atender as necesidades básicas de todos os veciños e veciñas”.

Respecto da comarca de Valdeorras, que percorreu esta mañá na compaña de cargos socialistas, con visitas a varios dos concellos, lamentou as notables eivas que presentan para dar resposta aos problemas da zona. En concreto, referiuse á estrada entre A Rúa e A Gudiña, a principal conexión da comarca coa liña ferroviaria de alta velocidade.

“Necesita dunha ampliación e, sobre todo, de reafirmado”, asegurou. Pero a Xunta, tal como lembrou, non destina fondos suficientes para poder acometer proxectos nesa dirección. A única partida que figura nas contas, de 1,5 millóns, é compartida con outra estrada no outro extremo da provincia, de modo que os socialistas temen que finalmente non se exectute nin un só euro, tal como vén acontecendo nos últimos exercicios.

Publicidad

En canto ás infraestruturas, tampouco dispón de investimentos a necesaria reparación da estrada de Freixido á Pobra de Trives, cun tramo de 6 quilómetros completamente abandoado, entre o alto da Hermida e a ponte do Bibei.

Unha das principais peticións na área dos servizos sociais, a construción dunha residencia de maiores en Petín, obtén “recursos cero” nos próximos Orzamentos, denunciou o líder socialista, que sinalou o mesmo problema sobre a política industrial: “Partidas nulas” para a ampliación do solo industrial, moi necesaria ao atoparse o principal polígono da área, o do Barco, nuns elevados niveis de ocupación.

En materia de servizos, Besteiro apuntou que os concellos que decidiron unirse para facer unha prestación conxunta, a través de consorcios ou mancomunidades, “merecen unha achega maior” por parte da Administración autonómica. No caso de Valdeorras, esa circunstancia dase no abastecemento de augas, pero ese “esforzo” obtén nos Orzamentos “un mínimo de 50.000 euros”, uns fondos que non permiten “ningún tipo de avance ou mellora do servizo”.

O secretario xeral do PSdeG mantivo ao longo da xornada diversos encontros con representantes municipais da comarca. Iniciou a súa visita no Concello do Barco, onde se reuniu co alcalde, Alfredo García, e membros do equipo de goberno. A continuación percorreu o paseo do Bañadoiro, en Vilamartín, na compaña do rexedor, Enrique Álvarez Barreiro, e desprazouse ata o Concello de Petín, para manter unha xuntanza coa alcaldesa, Raquel Bautista. Finalmente, visitou A Rúa co tenente de alcalde Luís Fernández Gudiña.

Besteiro tamén estivo acompañado polo subdelegado do Goberno, Eladio Santos; o secretario provincial e senador Rafael Rodríguez Villarino; a deputada Marga Martín; a deputada autonómica Carmen Rodríguez Dacosta; o coordinador comarcal socialista e deputado provincial Tino Alonso, e o portavoz en Viana do Bolo, Germán García-Ávila.

Nas súas declaracións, o líder dos socialistas galegos insitiu en que os Orzamentos deben prestar a debida atención a unha comarca que non pode quedar “esquecida” e debe ter neles un protagonismo “real” en canto a investimentos.

En su visita, también se pronunció sobre la Comisión de Investigación del «Álvaro Cunqueiro». Dixo que o coñecemento e búsqueda da verdade non admite condicionamentos nin vetos.