Serán o 13 e 14 de xuño organizadas pola Fundación Florencio Delgado Guriarrán
A Fundación Florencio Delgado Gurriarán pecha as Xornadas Culturais do ano 2026 dedicadas ao monte, trala análise dos lumes e das actividades produtivas feita na Rúa e no Barco, cun encontro dedicado ao seu valor cultural. Será o próximo 13 de xuño ás 10:30 horas na Casa da Cultura de Larouco, coa xornada «Somos monte. Patrimonio cultural, social e natural».
A xornada está dividida en dúas partes, na primeira, falarán especialistas en patrimonio, arqueoloxía e natureza, para analizar o monte como parte da nosa identidade construída. Intervirán: Teresa Nieto, arquitecta e coordinadora da Sección de Patrimonio do Consello da Cultura Galega, Carlos Tejerizo, arqueólogo e membro de Sputnik Labrego, e Cristina Fernández, educadora ambiental e actual guía do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra.
Tras esta primeira mesa e unha pausa para café, será a quenda dunha mesa de coloquio con expertos en educación e divulgación ambiental que presentarán casos concretos de iniciativas levadas a cabo na comarca e os retos de futuro na implicación das novas xeracións no coidado da contorna.
Formarán parte desta mesa profesionais da comarca valdeorresa como Pedro Domínguez Pérez, co-propietario do proxecto Eco dos Teixos de Casaio, e Felipe Morales, divulgador e educador no IES Martaguisela do Barco. Ovidio Villa Marco, tamén biólogo e docente, falará do proxecto Glaciar desenvolto no IES Carlos Casares de Viana do Bolo, e Rebeca Casal Vegal, quen presentará os seus proxectos de robótica con estudantado. Tamén estará Miguel Conde, quen reflexionará sobre os problemas e perspectivas dos espazos naturais protexidos en Galicia.
Esta xornada da Fundación Florencio Delgado Gurriarán completarase ao día seguinte, domingo 14 de xuño, cunha visita polas covas de Seadur coa arquitecta técnica e investigadora Carina Rodríguez, quen elaborou o proxecto para defender a súa declaración como Ben de Interese Cultural. A ruta comezará ás 10.30 e percorrerá varias zonas de covas da aldea, explicando o seu contexto histórico, técnicas de construción, tipoloxía e usos. Para anotarse é necesario cubrir o formulario dispoñible na web da Fundación. As prazas son limitadas.
PROGRAMA SÁBADO 13 DE XUÑO.
«SOMOS MONTE» PATRIMONIO CULTURAL, SOCIAL E NATURAL»
Casa da Cultura de Larouco
10:30-11:45 O MONTE: PATRIMONIO CULTURAL, SOCIAL E NATURAL
- Teresa Nieto, Arquitecta e investigadora, Consello da Cultura Galega. O monte, patrimonio cultural.
- Carlos Tejerizo. Arqueólogo, Sputnik Labrego. Arqueoloxía, patrimonio e incendios no tempo histórico.
- Cristina Fernández. Educadora Ambiental. Serra da Enciña da Lastra: biodiversidade, un valor cultural.
11:45-12:00 PAUSA CAFÉ
12:00-13:30 COLOQUIO INICIATIVAS EDUCATIVAS E ACTIVISMO
- Ovidio Villa Marco. Biólogo e docente no IES Carlos Casares de Viana do Bolo. Glaciar un proxecto colaborativo para a transformación do medio.
- Rebeca Casal Vegal, Docente especialista en robótica. As novas tecnoloxías na educación aplicadas ao coñecemento do territorio.
- Felipe Morales Rodríguez. Biólogo e docente do IES Martaguisela do Barco. As redes sociais para formar, informar e difundir valores ambientais.
- Pedro Domínguez Pérez. Educador ambiental e emprendedor. Eco dos teixos: onde as raíces son a base dos soños.
- Miguel Conde. Educador ambiental. Parques naturais de Galicia e aulas da natureza, problemas e perspectivas.
DOMINGO 14 DE XUÑO
O BIC DE SEADUR, RUTA POLAS COVAS
10:30-12:30 Visita guiada por Carina Rodríguez. Arquitecta técnica e investigadora.
