Participan grupos de Colombia, México, Panamá, Serbia, Senegal e Taiwán que percorrerán a provincia de Ourense desde o 12 ao 21 de agosto
As Xornadas de Folclore volven un ano máis á provincia nun dos eventos máis esperados do verán cultural ourensán, que nesta 39 edición contará coa participación de seis agrupacións folclóricas procedentes de Colombia, México, Panamá, Serbia, Senegal e Taiwán.
A programación comezará o 12 de agosto no Teatro Principal coa cerimonia inaugural e prolongarase ata o 21 de agosto con actuacións nas vilas do O Barco de Valdeorras, Celanova, Maceda, Verín, Entrimo, Viana, A Rúa, Allariz, Trives, Carballiño, Castro Caldelas, Xinzo, Manzaneda, Bande, ademais de Ourense cidade e Ribadavia.
O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; e o director das xornadas, Julio Fernández Senra, explicaron esta mañá no Pazo Provincial os detalles dun evento que se celebra en Ourense desde o ano 1984.
César Fernández destacou na súa intervención a importante resposta do público, cunha media aproximada de 25.000 espectadores grazas a ese carácter itinerante pola provincia, permitindo coñecer as manifestacións folclóricas doutras culturas, “sempre moi enriquecedor para unha terra como Ourense, tamén cunha tradición folclórica e etnográfica moi importante”.
Un festival “de máxima calidade” do que destacou ademais a cooperación institucional a través da “colaboración permanente” da Xunta de Galicia, agradecendo tamén ao director das xornadas e a toda a organización o enorme traballo para lograr a “excelencia artística”.
Pola súa parte, Anxo Lorenzo subliñou que con estas xornadas enriquécese o panorama galego, “xa de por si rico”, de manifestacións do folclore da cultura tradicional, ofrecendo cada ano unha visión do folclore doutras partes do mundo, o que resulta “todo un luxo e un privilexio”. Felicitou ademais á Deputación e á organización por apostar pola descentralización da cultura, ao facer chegar estas xornadas a case unha vintena de puntos da provincia.
Xulio Fernández quixo recoñecer o gran labor que hai detrás deste evento, citando a coordinación de Xabier Álvarez, aos guías e voluntarios que traballarán a diario cos máis de 170 artistas que actuarán na provincia, aos directores dos centros de acollida e “a implicación da cidadanía nun espectáculo de máximo nivel e de referencia en España”.
Dous espectáculos por noite en dúas vilas da provincia
A Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, organiza este festival coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta e dos diferentes concellos que acollen este evento.
Durante a súa celebración, cada noite haberá dous espectáculos en dúas vilas diferentes da provincia protagonizados en cada lugar por tres agrupacións, agás na cidade de Ourense e en Ribadavia onde actuarán os seis grupos.
Os encargados de espallar a súa música, baile e tradicións pola provincia de Ourense serán 173 artistas das seis agrupacións: Colombia (Fundación Ballet Folclórico de Nobsa Colombia), México (Ballet Folk. Instituto Tecnológico de Celaya), Panamá (Academia Andrés Valiente, Danzas y Proyecciones Folklóricas), Serbia (Kud Srem), Senegal (Ballet Jammu) e Taiwán (Yuan Yuan Dance Group).
O Centro Residencial Docente de Ourense e o IES Universidade Laboral serán as instalacións que acollerán aos grupos participantes durante a súa estadía na provincia.
As datas en Valdeorras, Viana do Bolo, Trives, Manzaneda e Caldelas
- Día 12: Ceremonia de inauguración en Ourense, no Teatro Principal, ás 20, 30 horas
- Día 13: O Barco de Valdeorras (Colombia, Taiwán e Serbia), ás 22,30 horas no Malecón.
- Día 15: Viana do Bolo (México, Senegal e Panamá), ás 22,30 na Praza Maior.
- Día 16: A Rúa (México, Senegal e Panamá), ás 22,30 horas no Aguillón.
- Día 17: Trives (Colombia, Taiwán e Serbia), ás 22,30 na Rúa San Martín
- Día 18: Castro Caldelas (México, Senegal e Panamá), ás 22,30 na Praza do Prado
- Día 19: Manzaneda (México, Senegal e Panamá), as 22,30 no patio do colexio