Son o 25 e 26 de agosto con moita animación e tradicións como a Noite do Carro
A aldea de Meda, no concello de A Veiga, celebrará os días 25 e 26 de agosto as súas tradicionais festas patronais na honra a Santa María, unha cita moi esperada polos veciños e veciñas, así como por moitos visitantes que cada ano se achegan para desfrutar dunha programación repleta de actividades para todas as idades, combinando tradición, música e gastronomía.
Os festexos darán comezo o martes 25 de agosto a partir das 21:30 h, onde terá lugar unha das grandes novidades deste ano, a Festa da Panceta. Trátase dunha cea popular na que apostase por poñer en valor un dos produtos típicos, a panceta do porco. Dende a Asociación Cultural Meda Medra explican que «este ano quixemos tematizala cea arredor dun produto tan noso e que tivo tanta presenza nas nosas aldeas coma panceta ou febra de porco».
A cea contará cun menú composto a base de panceta de porco a grela, chourizo, empanada, pan, bica, viño, auga e chocolate. O prezo será de 15 euros (a partir dos 12 anos), a venda no local social da Escola de Meda. A música estará presente durante toda a noite no Campo da Festa coa Discomóbil Opium e o DJ Isra, que amenizará a festa ata ben entrada a madrugada.
Noite do Carro
Xa pasada a medianoite, chega un dos momentos máis especiais das festas a Noite do Carro. Nesta peculiar tradición, un carro percorre as rúas da aldea anunciando a festa co seu son característico, creando unha atmosfera máxica e cargada de simbolismo
O mércores 26 de agosto, os actos continuarán no día grande dende primeiras horas da mañá. Ás 11:00 h, o grupo tradicional Gaiteiros “Castrodeallo” percorrerá as rúas animando co seu pasarrúas. Xa ás 13:00 h, terá lugar a misa solemne na honra a Santa María, seguida da tradicional procesión e finalmente e sesión vermú acompañada polos gaiteiros.
Xa pola tarde, a partir das 18:00 h, haberá actividades pensadas para todos os públicos, entre elas o xa tradicional Campionato de Bolos e a segunda edición da Festa da Auga, dúas propostas espectaculares para reunir a veciñanza e visitantes.
