Visitou Valdeorras onde anunciou que reclamará a Xunta que achegue recursos ao vertedoiro da Rúa
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considerou «insuficientes» as axudas articuladas para as e os afectados pola vaga de lumes e avogou por incrementar até os 200.000 euros as destinadas a vivenda, abrir unha nova de 6.000 euros para persoas autónomas ou cooperativas para gastos de difícil xustificación e que as axudas recollan o lucro cesante.
Así o dixo dende a comarca de Valdeorras, a onde se desprazou para continuar avaliando o impacto da vaga de incendios do pasado mes de agosto sobre os territorios afectados, nunha visita na que estivo acompañada pola alcaldesa da Rúa, María Albert, o deputado Secundino Fernández, e responsables políticos na comarca e durante a que mantivo un encontro con representantes de distintos sectores afectados, entre eles o vitivinícola.
Pontón considerou “fundamental” que ningunha explotación agraria nin ningún sector económico se paralice despois dos lumes e poidan continuar desenvolvendo a súa actividade e apelou a que a «catástrofe» desta vaga de lumes sexa «un punto de inflexión» para reordenar o territorio e apostar por un novo modelo forestal, fronte ás políticas do Goberno do PP que «desprotexen o territorio».
Neste sentido, tamén defendeu a necesidade de incrementar as franxas de seguridade sobre os núcleos de poboación a 100 metros, para o que propuxo a creación dun fondo extraordinario por parte da Xunta que permita garantir que «esas franxas pasen do papel á realidade» e que a situación non se volva desbordar nunca máis de tal modo o lume chegue ás casas ou que, advertiu, sexa a propia veciñanza «a que teña que salvar os seus fogares coas súas propias mans».
Medidas todas elas que se atopan entre as máis de 50 propostas concretas deseñadas polo goberno alternativo do BNG no seu plan integral ‘Da Cinza á Vida’ co obxectivo de evitar que se repitan as vagas de incendios e darlle futuro ao rural e que a portavoz nacional abordou na súa reunión cos sectores afectados en Valdeorras.
A líder nacionalista amosou dende A Rúa a súa preocupación por como se vai acometer a reconstrución dos territorios danados e recordou que esta comarca, unha das máis afectadas, xa sufrira antes polos lumes con moitos compromisos por parte do Goberno do PP en 2022 que «quedaron en promesas» sen que se tomaran realmente medidas para protexer mellor a poboación ou mudar o «modelo fracasado do Partido Popular».
Nesta liña, denunciou que o Executivo de Rueda desprotexe o territorio cando non toma medias de protección contra os lumes, «que é o que leva facendo o Partido Popular dende hai 16 anos», recalcou, mesmo desoíndo as recomendacións que lle teñen feito os expertos na materia.
Así, lembrou que no relativo ao funcionamento do Servizo de Extinción, o grupo de expertos creado despois dos lumes de 2017, recomendou que o 43% do dispositivo de extinción tiña que estar en Ourense, dado o seu alto risco de incendios.
«E vemos como a Xunta non fixo o seu traballo, porque o seu dispositivo é 11 puntos inferior ao que estaban reclamando nese momento os expertos e, polo tanto, a virulencia e as consecuencias destes lumes tamén é unha responsabilidade directa da Xunta e moi concretamente do presidente da Xunta, que non está á latura do que neste momento necesita o noso País», criticou.
Pontón reprobou a «xestión neglixente» desta crise de lumes onde a Xunta estivo «desbordada e sobrepasada», con «situacións de verdadeiro caos», e desatendendo as súas responsabilidades.
Vertedeiro da Rúa
«E isto aquí na Rua é moi fácil de entender porque a Xunta desentendeuse da extinción dun incendio que afectaba a un vertedoiro provocando ademais un risco para a saúde pública de todos os veciños e veciñas non só deste concello, senón dos concellos limítrofes», explicou xunto á rexedora do concello, María Albert, quen tamén se referiu a un vertedoiro do que dixo «se está a extinguir despois de moito traballo municipal para conseguir que as Administracións se fixeran cargo das súas responsabilidades» e que agradeceu a visita da portavoz nacional a unha parte do País onde «pasaron cousas terribles» que, remarcou, non «poden volver a ocorrer».
Neste contexto, a líder nacionalista rematou avanzando que o BNG reclamará á Xunta que achegue recursos «non só para o clausurado deste vertedoiro, senón tamén para que se faga cargo da solución deste problema que vai a haber para o futuro» e reiterando que a formación nacionalista exixirá responsabilidades ao Goberno de Rueda pola súa «deixadez de funcións» e pola súa neglixente xestión desta vaga de lumes.







