O escritor e periodista Manuel Jabois foi o pregoeiro do evento que se desenvolve a fin de semana en Viloira
Alfonso Rueda pasará á historia da Feira do Viño de Valdeorras como o primeiro presidente da Xunta que a visitou. Unha primeira vez que, ademais, cousas do azar, coincidiu coa data na que cumpre anos. O brinde foi por Valdeorras, os viños desta Denominación de Orixe e pola data do seu aniversario. «Non sabía que era o primeiro presidente que a visitaba. Alá os anteriores senón viñeron. Aiquí hai que vir, sen ningunha dúbida», señaló.
A feira por excelencia do viño, que se desenvolve esta fin de semana na Praza Otero Pedraio de Viloira (O Barco), quedou inaugurada nun acto institucional no que estiveron, ademais do presidente da Xunta, o conselleiro de Medio Rural, José González; o novo director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles Remy; o próximo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor Pérez; o alcalde do Barco, Alfredo García; o presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos e o deputado Álvaro Fernández.
Entre o público estiveron alcaldes, alcaldesas e representantes municipais dos distintos municipios de Valdeorras.
O presidente da Xunta lembrou que o ano pasado no mes de xullo si se desprazou ata a mesma praza por un motivo moi distinto, nada festivo, os incendios. E sinalou que a súa visita pouco ten que ver con esta campaña electoral, «tan rara, estrana, na que estamos metidos e que nos meteron neste verán».
Expresou que veu desde as Rías Baixas ata a feira «porque hai que festexar os viños de Valdeorras, hai que probar o viño e tamén veño para escoitar ao pregoeiro, que é un luxo. O pregón fíxoseme curto», suliñou pedindo un aplauso para Manuel Jabois.
O presidente da Xunta reseñou que os viños de Valdeorras están a coller moita forza «e así hai que seguir», animou. Tamén gabou o esforzo de produtores e viticultores na aposta pola calidade. Esta «é unha magnífica oportunidade para o enoturismo», expresou, ciando ademais o Camiño de Inverno, «con cada vez máis peregrinos».
Valdeorras, «terra de pizarra, é unha comarca á que hai que prestar moitísima máis atención«, engadiu Rueda, formulando así o seu compromiso con esta zona.
Alfonso Rueda concluiu apuntando que «empezan días de lembrar que cada vez se fai mellor o viño, que se saben facer moi ben as cousas cun viño excepcional».
Rueda percorreu os expositores das bodegas presentes no recinto ferial e brindou a saúde de Valdeorras.
O día grande da feira contou co escritor e periodista Manuel Jabois como pregoeiro. Afondou na súa visión persoal do viño a través das súas vivencias co relato da súa experencia a través dos seus como o seu fillo e o seu abó. “Todo o bo que me pasou na vida foi por levar un vaso de viña á boca”, dixo.
Pola súa banda o presidente do Consello Regulador, José Ramón Rodríguez Castellanos, que afronta a súa primeira feira do viño como máximo responsable do Consello Regulador de Valdeorras, dixo que o sector “goza de boa saúde” e, ademais, encara o desafío do seu “relevo xeracional” apoiado en iniciativas de diferentes administracións, entre as que salientou a nova aposta da Consellería de Educación da Xunta de Galicia por implantar un ciclo de FP Dual ligado á viticultura na comarca de Valdeorras.
O presidente do Consello Regulador indicou que o sector do viño é un dos motores máis importantes da provincia. “Somos catro as denominacións de orixe emprazas en Ourense que contribuímos a crear postos de traballo arredor do viño, a atraer enoturistas e, en última instancia, a fixar poboación en contornas cunha marcada impronta rural”, asegurou.
Ademais, José Ramón Rodríguez Castellanos puxo en valor o “boom” que está a experimentar o godello, cada vez máis apreciado nos mercados, e do que o territorio amparado de Valdeorras é berce. Tampouco se esqueceu da relevancia doutras variedades de uva na zona, entre elas, a mencía. Neste sentido, destacou que cada vez son máis as adegas foráneas que apostan por instalarse no territorio amparado, sabedoras de que nel se poden producir “viños dunha altísima calidade”.
Pola súa banda, o alcalde do Barco, Alfredo García, volveu a reivindicar a marca Valdeorras no viño metres que o rués Álvaro Fernández animou a seguir desenvolvendo o sector vitivinícola.
Bo ambiente e gañas de viño protagonizaron as primeiras horas da Feira do Viño de Valdeorras.