Alfonso Rueda fixo seguimento dos incendios en Quiroga (Lugo)

Publicidad

Visitou o Posto de Mando Avanzado e volveu a agradecer o traballo dos efectivos contra o lume

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou hoxe o Posto de Mando Avanzado de Quiroga, en Lugo, para facer un seguimento da situación das zonas afectadas polos lumes. Nos días pasados xa estivo noutras localidades como Ourense e Chandrexa de Queixa e o 22 de agosto estará en Verín.

Durante a súa visita, Rueda fixo referencia ao incendio que comezou no municipio de Larouco, na provincia de Ourense, e que “probablemente sexa o que máis extensión vai ter” ao traspasar as fronteiras e chegando á provincia de Lugo. Actualmente continúan 5 incendios activos en Galicia e “dáse por estabilizado o de Carballeda de Avia”. 

Nesta liña, o titular do executivo galego afirmou que os técnicos do Posto de Mando Avanzado de Quiroga xa se atopan facendo traballos para asegurar o perímetro do incendio de Larouco polo que “o seguinte paso é estabilizado e a partir de aí dalo por controlado e extinguido”. Ademais engadiu que “en canto os técnicos o decidan, comezará o proceso de desescalada”.

Publicidad

Rueda volveu a agradecer o esforzo e o traballo das persoas e os efectivos que traballan nos incendios: persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, Forzas e corpos de seguridade do Estado, voluntarios de Protección Civil, UME, brigadas municipais, bombeiros dos consorcios provinciais e cidade. Nesta liña, tamén deu as grazas “aos bombeiros que foron enviados desde outras CCAA”.

No remate da súa intervención, o presidente da Xunta afirmou que “ogallá tardemos en volver a vernos nunha situación así” e asegurou que “a situación móvenos ao optimismo, pero temos que seguir traballando sen baixar a garda”.