O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto co director de Turismo, Xosé Merelles, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitaron o obradoiro de Sarah-Jane Borcuk Cardoso e Lalo Gesteira Martíns
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, xunto co director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, achegouse ata Viloira, no Barco de Valdeorras, para visitar o obradoiro Artesanía Enxebre de Valdeorras, inscrito no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Alén destacou a importancia deste obradoiro —especializado na madeira e no pirogravado— como exemplo de autoemprego e de emprendemento mozo no ámbito rural, que contou ademais co asesoramento do Polo de emprendemento do Barco.
Durante a súa visita, Alén resaltou as diferentes iniciativas da Xunta destinadas a apoiar e consolidar o sector artesán galego como unha actividade económica clave para fixar a poboación e dinamizar o territorio, xa que en moitas ocasións os profesionais da artesanía desenvolven o seu traballo no ámbito rural ou en pequenos núcleos de poboación.
Entre elas, destacan as medidas específicas centradas na remuda do tecido artesán, entre as que destacan o impulso de bolsas de aprendices complementarias á iniciativa «Aprender da tradición», un programa pioneiro promovido pola Xunta desde 2023 co obxectivo de recuperar e transmitir técnicas tradicionais e de atraer novos talentos.
Artesanía Enxebre de Valdeorras está formado polos artesáns Sarah-Jane Borcuk Cardoso e Lalo Gesteira Martíns que dende o ano 2020 forman parte de Artesanía de Galicia. O taller está especializado no traballo da madeira e na técnica do pirogravado, e traballan con materiais reciclados e madeiras de proximidade para elaborar as súas pezas.
Ademais, o obradoiro de Artesanía Enxebre contou tamén co apoio da Xunta en materia de modernización e dixitalización no marco dos apoios específicos deste ano ao sector comercial e artesán, reforzando así a súa capacidade competitiva e de adaptación ás novas demandas do mercado.
A finais do mes de agosto, Artesanía Enxebre de Valdeorras participou no evento Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, un evento de comercialización e divulgación do produto artesán galego e dos oficios artesanais que tivo lugar no Santuario de Nosa Señora de Cadeiras (Sober).








