A Xunta instalará un sistema sostible de aerotermia no centro de saúde de Vilamartín

Publicidad

O delegado territorial, Gabriel Alén, visitouno hoxe para explicar a mellora e tamén estivo esta mañá en Vilariño de Conso

A Xunta de Galicia acaba de sacar a licitación un lote de obras para introducir enerxías renovables nos centros de saúde galegos. Dentro do mesmo, está incluída a instalación dun sistema de aerotermia, no centro de saúde de Vilamartín de Valdeorras, tal e como anunciaron hoxe o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente da área sanitaria, Félix Rubial, durante unha visita ás instalacións sanitarias.

O xerente da área sanitaria apuntou que este contrato materialízase a través dun acordo entre o Sergas e o Inega, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, que promove a través da Axenda Enerxética Galicia 2023 a integración de enerxías renovables en edificios públicos e facilita o seu cofinanciamento polo programa operativo FEDER Galicia 2017-2020, dentro da súa actuación de fomento das actividades asociadas ao ciclo de aproveitamento da biomasa térmica e outras tecnoloxías renovables na administración xeral da comunidade autónoma e no sector público autonómico.

“Estas actuacións correspóndense á aposta do Goberno galego polas enerxías renovables e a economía circular, na que se implican distintos departamentos da Xunta e na que se integra tamén a sanidade pública galega”, sinalou o delegado territorial.

Publicidad

A este respecto, Gabriel Alén lembrou que, o pasado mes de xuño, o Sergas aprobou tamén a súa Estratexia de Economía Circular que leva a política de redución de residuos, reutilización de materiais e reciclaxe á sanidade pública, e centra un dos seus eixos na minimización do consumo de combustibles fósiles.

A aerotermia é considerada como unha enerxía de alta eficiencia que presenta un menor consumo que os sistemas de calefacción tradicionais, ademais de representar unha enerxía renovable e sostible que non require case de mantemento. Tamén a súa instalación é moi sinxela e limpa xa que non produce combustión nin xera fumes nin residuos polo que resulta máis segura e silenciosa o que redundará no beneficio tanto dos pacientes como dos profesionais do Centro de Saúde de Vilamartín.

Visita a Vilariño de Conso

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, tamén desprazouse esta mañá ao concello de Vilariño de Conso para visitar, da man da súa alcaldesa, Melisa Macía Domínguez, as obras que se están a desenvolver no pavillón deportivo, ás que a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes  asignou preto de 16.000 euros a través da liña I destinada á construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal. O delegado territorial salientou que en Ourense foron beneficiarios 30 concellos que obtiveron un total de 43 axudas, que supuxo un investimento total na provincia de ao redor de 1,2 millóns de euros