A volta ciclista “O Gran Camiño 2023” disputará a etapa raíña en Valdeorras

Publicidad

É unha homenaxe a veciñanza e ás aldeas afectadas polos lumes o pasado verán que terá chegada en Rubiá

O Pazo Provincial acolleu a presentación da volta ciclista “O Gran Camiño 2023”, que celebrará a súa segunda edición do 23 ao 26 de febreiro convertendo de novo á provincia de Ourense na protagonista da etapa raíña, a terceira e penúltima da proba, con saída en Esgos e chegada en Rubiá. Un percorrido que, segundo os organizadores, converterase nunha homenaxe á veciñanza e ás aldeas de Valdeorras afectadas polos lumes deste pasado verán.

O acto desenvolveuse no “patio termal” da Deputación coa asistencia do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e os exciclistas Ezequiel Mosquera e Óscar Pereiro, promotor e embaixador da proba, respectivamente. Tamén estiveron presentes o alcalde de Esgos, Mario Rodríguez, e o director deportivo do Club Ciclista de Maceda, Xulio Conde.

Publicidad

Para Manuel Baltar, “a homenaxe que a etapa ourensá de O Gran Camiño vai render a unha terra devastada polos incendios forestais, fala moito, claro e en maiúsculas da solidariedade, que é un dos principais valores do ciclismo”. Un percorrido pola provincia, destacou tamén o presidente da Deputación, que dará protagonismo “a un concello como Esgos, berce da Ribeira Sacra, que xa se converteu nunha postal viva e permanente do ciclismo”.

Publicidad

Manuel Baltar agradeceu a Ezequiel Mosquera unha proposta “que porá de novo de actualidade ás terras ourensáns, con retorno económico que sen dúbida ten o ciclismo”. A Deputación, engadiu, “está para recibir ideas como estas e para achegar a nosa capacidade de visión do territorio, sobre todo cunha proba que terá continuidade no futuro, mesmo no ciclismo internacional”.

O ciclismo, ferramenta de promoción do territorio

“O ciclismo é unha ferramenta de promoción do territorio, unha capacidade que non ten ningún outro deporte”, afirmou Ezequiel Mosquera na liña das palabras do presidente da Deputación. A etapa ourensá, desvelou, estaba inicialmente planificada antes do verán e, polo tanto, antes dos incendios, “pero decidimos manter este percorrido para lanzar unha mensaxe de sensibilización fronte ao drama que supoñen os incendios forestais”. Así, engadiu o exciclista, “os corredores transitarán polas aldeas que se viron cercadas polo lume, convertendo estas poboacións e á veciñanza en auténticas protagonistas”.

Óscar Pereiro expresou o seu desexo de que Ourense “siga a ser territorio ciclista”, poñendo énfase no agradecemento ao apoio da Deputación e do seu presidente, “que sempre está aí cando o deporte lle pide que achegue a súa man”. A provincia, subliñou, “ten unas condicións perfectas para a práctica deste deporte”, prognosticando “unha etapa de moita calidade en Valdeorras”.

O gañador do Tour de Francia, por terras ourensás

No avance da etapa ourensá de “O Gran Camiño” os organizadores mantiveron aínda en segredo os detalles do percorrido entre Esgos e Rubiá, aínda que si destacaron a oportunidade que terá o público de ver en directo ao gañador da última edición do Tour de Francia,  o dinamarqués do Team Jumbo-Visma Jonas Vingegaard.

O vixente e primeiro campión da carreira galega é Alejandro Valverde, ciclista murciano que acaba de retirarse do circuíto profesional e deixou a súa pegada como gañador na terceira e tamén etapa raíña da edición deste ano, que discorreu entre Maceda e Luíntra “nunha xornada decisiva e espectacular pola Ribeira Sacra, tanto no deportivo como no paisaxístico”, asegurou Ezequiel Mosquera.