31.9 C
O Barco de Valdeorras
sábado, junio 20, 2026
Publicidad

A vide e a castaña amosaron as súas oportunidades no Bolo

Publicidad

Produtores, expertos e administracións analizaron dous sectores que dan identidade a este municipio e a comarca de Valdeorras

O Centro Coworking de O Bolo acolleu o 18 de xuño a I Xornada da Vide e da Castaña das Terras do Bolo, un encontro que reuniu a produtores, comercializadores e representantes das administracións públicas para analizar a situación actual e abordar os retos e oportunidades de futuro destes dous sectores estratéxicos para a economía e o desenvolvemento do territorio.

Ao longo da xornada, os participantes compartiron experiencias e reflexións sobre a evolución da viticultura e da produción de castaña na comarca, incidindo na necesidade de impulsar medidas que contribúan á súa valorización, profesionalización e sustentabilidade. O foro serviu tamén para fomentar o diálogo e a colaboración entre os distintos axentes implicados, co obxectivo de reforzar a competitividade e garantir o futuro destas actividades tradicionais con gran relevancia social, económica e ambiental nas Terras do Bolo.

Miguel Ángel García Fariñas, alcalde do Bolo, e asistentes ás xornadas

«A altitude do noso territorio e a situación privilexiada entre os ríos Bibei e Xares dalle ó Bolo unha personalidade única para o cultivo da castaña e a vide», apuntaba Miguel Ángel García Fariñas, alcalde do municipio, durante a presentación do evento.

Publicidad

Pola súa banda, Martín Alemparte Vidal, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), quixo destacar a importancia do sector agroalimentario na comarca valdeorresa, tanto do viño como da castaña, como elemento distintivo e singular de posta en valor do territorio. 

Así mesmo, participou no encontro Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense, quen quixo destacar a importancia estratéxica do sector agroalimentario na provincia e, en particular, nas Terras do Bolo, poñendo en valor o traballo conxunto de produtores, administracións e axentes económicos para impulsar a súa modernización, competitividade e sustentabilidade.

Potencial vitivinícola

A xornada relativa a vide contou coa participación de Pablo Blanco, director técnico e enólogo da Bodega Rafael Palacios, quen impartiu a relatorio titulada «As posibilidades da viticultura no concello do Bolo», na que analizou o potencial vitivinícola do territorio e as oportunidades de desenvolvemento do sector.

Pablo Blanco e Daniel Vizcaya

Posteriormente, Blanco participou nunha mesa redonda xunto ao enxeñeiro técnico agrícola e viticultor Daniel Vizcaya López, un espazo de debate no que ambos os expertos intercambiaron reflexións sobre os retos actuais da viticultura, as perspectivas de futuro e as claves para impulsar a súa competitividade e sustentabilidade.

Realidade da castaña

A quenda dedicada ao sector da castaña abriu coa intervención de Manuel López Vilariño, secretario do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, quen ofreceu a relatorio «A situación do sector da castaña». Durante a súa exposición, abordou a realidade actual desta actividade estratéxica, así como os principais desafíos e oportunidades que afronta de cara ao futuro.

Francisco Álvarez, Jacobo Álvarez e Manuel López

A continuación, desenvolveuse unha mesa redonda na que participaron, ademais de López Vilariño, o produtor Francisco Álvarez Carballo e o almacenista Jacobo Álvarez García. O debate permitiu analizar a potencialidade da castaña como recurso económico e elemento dinamizador do territorio, afondando nas oportunidades de crecemento do sector na comarca, así como nos retos relacionados coa súa xestión, comercialización e valorización. 

A celebración desta primeira edición consolídase como un punto de partida para a creación dun foro de reflexión e intercambio de coñecemento arredor de dous dos principais recursos produtivos do territorio. Dende a organización destacaron a elevada participación e o interese xerado pola iniciativa, reafirmando o compromiso de seguir promovendo accións que contribúan á dinamización económica, á fixación de poboación e á posta en valor do patrimonio agrícola e forestal das Terras do Bolo.

Apoio do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico

Para o deseño e desenvolvemento deste proxecto contouse co apoio e coa financiación do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (a través da Secretaría Xeral para o Reto Demográfico), no marco das subvencións concedidas a proxectos promovidos por entidades locais para a innovación territorial e a reactivación da actividade socioeconómica e a loita contra a despoboación.