34.1 C
O Barco de Valdeorras
jueves, mayo 28, 2026

A marca Galicia Calidade ten un impacto internacional crecente

Galicia Calidade, Turismo de Galicia
Publicidad

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou nun Taller de Cooperación Turística Internacional

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na inauguración do II Taller de Cooperación Turística Internacional de Asicotur, que reúne a numerosos profesionais do sector para debater sobre a cooperación internacional á hora de deseñar destinos turísticos competitivos. No encontro, que este ano ten como obxectivo debater sobre a importancia da imaxe e promoción como ferramentas estratéxicas, Xosé Merelles puxo de manifesto o crecente impacto que está a ter a marca Galicia Calidade asociada ao turismo galego nas contornas internacionais. 

Na súa intervención, Merelles fixo fincapé en como «o turismo é unha actividade económica, pero tamén unha forma de encontro, un vehículo de transformación territorial» e destacou os esforzos realizados desde a Xunta na definición da marca Galicia, «deseñada con traballo, rigor e tendo moi en conta a identidade da súa  xente, para asociala a un turismo de calidade e competitivo».

«A marca Galicia aglutina toda a nosa oferta turística tanto do litoral como do interior. A nosa natureza, patrimonio e forma de vivir fan que esta marca leve anos sendo recoñecible como un destino auténtico e consolidado«, incidiu.

Publicidad

Nesta definición do destino, Merelles resaltou, tamén o impacto da marca Xacobeo, «que leva anos permitíndonos posicionar o Camiño de Santiago en todo o mundo como atractivo con personalidade propia», e tamén se referiu a Galicia Calidade, relanzada esta lexislatura cunha nova identidade visual e como marca país, funcionando como «paraugas de identidade que engloba non só a excelencia dos nosos produtos, senón tamén a calidade da experiencia turística, a sostibilidade dos nosos destinos e a autenticidade da nosa cultura».

Plan de Promoción Turística 2026

Outro dos eixos do encontro é a promoción turística, que, como indicou o director de Turismo, se está a impulsar a través dun Plan Anual de Promoción, dotado con 13M€ para realizar máis de 150 accións en preto de 20 mercados estratéxicos.

O citado plan establece como liñas mestras o Xacobeo 2027, a consolidación da marca Galicia Calidade e o impulso do astroturismo, co eclipse solar do 12 de agosto como reclamo. Para isto, reforzarase a presenza en eventos do sector e as viaxes dirixidas a profesionais e prescritores, entre outras actuacións.