A estación de Manzaneda acolle o 17 de setembro a Volta Ciclista a Galicia

Publicidad

A etapa raíña da carreira disputarase a 1.484 metros de altitude

A estación de montaña de Manzaneda acollerá o próximo 17 de setembro a tirada raíña da 20ª edición da Volta Ciclista a Galicia, con principio e final no propio complexo de montaña e un percorrido de máis dun cento de quilómetros por nove concellos do oriente ourensán.

“Unha etapa, a terceira desta nova ronda galega, que referenda a condición de Manzaneda como un dos símbolos do ciclismo tanto a nivel galego como nacional e internacional”, destacou o vicepresidente primeiro da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, durante a presentación dunha carreira que partirá o día 15 de Poio e rematará o 18 en Ponteareas, logo das tiradas de Taboada e Manzaneda. 

A cidade de Cultura en Santiago de Compostela acolleu o acto de presentación, no que tamén estiveron presentes o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo; o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; representantes dos concellos que acollen as saídas das tiradas; o xefe da unidade da Guardia Civil de Tráfico, José Ángel Corral; e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz.

Publicidad

Como representante da Deputación ourensá, unha das patrocinadoras da proba, Rosendo Fernández cualificou o ciclismo como “un eixo estratéxico para Ourense, un deporte que conta cun fiel aliado no noso territorio”.

O vicepresidente subliñou que “a aposta do goberno provincial por esta modalidade é total”, enmarcando este apoio “na consolidación dun ecosistema deportivo que nos permite acoller competicións do máis alto nivel, ao tempo que promovemos a relación entre deporte e turismo”.

Publicidad

Rosendo Fernández, que dixo “non ter dúbidas sobre as diferenzas que marcará a etapa de Manzaneda polo esixente perfil do trazado”, puxo en valor a regular presenza nas estradas ourensáns de importantes probas ciclistas do calendario galego e nacional, como a propia Volta, La Vuelta a España ou a Ceratizit Challenge, “que hai agora un ano permitiunos demostrar a capacidade da estación de montaña para acoller durante tres días unha das carreiras femininas máis importantes do calendario mundial de ciclismo”.   

Desta volta, engadiu, “Ourense consolídase como unha indubidable referencia no mundo do ciclismo, ofrecendo espectaculares paraxes como Manzaneda ou a Ribeira Sacra e grazas a unha fluída relación coas federacións galega e nacional e o apoio ás escolas deportivas”.

Final a case 1.500 metros de altitude

A terceira tirada da 20ª Volta Ciclista a Galicia disputarase o día 17, con principio e final na estación de montaña de Manzaneda, a 1.484 metros de altitude e tras superar durante case 12 quilómetros un desnivel de preto do 7 %, trazado que converte a esta xornada na etapa raíña da carreira.

Ás 11.55 horas está prevista a saída neutralizada desde a estación, iniciándose a etapa real ás 12.30 horas. O trazado de competición ten unha distancia de 114,2 quilómetros que discorren por nove concellos do oriente da provincia -Trives, Larouco, Petín, A Rúa, Vilamartín, O Barco, A Veiga, O Bolo e Manzaneda-, estando prevista a chegada de novo ao complexo de montaña en torno as 15,30 horas.