A Deputación entrega tractores a 12 concellos para a prevención de lumes forestais, un deles para O Barco

Publicidad

A entrega tivo lugar nun acto no que estivo, ademáis do presidente da institución provincial de Ourense, a conselleira de Medio Rural e alcaldes dos municipios receptores

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; a conselleira de Medio Rural, María José Gómez; e o director xeral de Defensa do Monte; Manuel Francisco; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participaron hoxe, no parque provincial de maquinaria da Deputación, na entrega dos tractores con rozadoira para a prevención de lumes forestais a doce concellos da provincia: Sandiás, Cenlle, Montederramo, Vilamarín, Lobios, Mancomunidade de Celanova, Beariz, Mancomunidade de Verín, Ribadavia, Os Blancos, O Barco e Laza.

Estiveron presentes alcaldes e representantes de cada concellos, entre eles o rexedor do Barco, Aurentino Alonso.

O presidente provincial fixo alusión á importancia desta colaboración entre as administracións autonómica, provincial e local en materia de prevención de lumes. Unha colaboración que ten unha maior relevancia na provincia de Ourense como se revelou este pasado verán durante a vaga de lumes, a peor da nosa historia, e que deu boa conta de que, «a pesar da magnitude da catástrofe non tivemos que lamentar ningún falecido, demostrando que somos un territorio preparado en materia de emerxencias«, lembrou Luis Menor.

Publicidad

Neste mesmo senso, a conselleira puxo de relevo a idoneidade e a necesidade das colaboracións deste tipo, no que «as administracións unen forzas» baixo un obxectivo común, fortalecer a resposta ante os lumes na comunidade.

O presidente provincial destacou que a Deputación de Ourense é a que máis convenios de colaboración mantén coa Xunta de Galicia en diferentes materias de actuacións, a pesar de ser a que ten menos orzamento. Exemplo disto é este convenio, que vai pola súa cuarta edición, e que «fomos pioneiros na súa posta en marcha alá no 2019, conscientes da importancia que ten a prevención de lumes na nosa provincia».

Un protocolo de colaboración «amplo» que non só inclúe a dotación de maquinaria aos concellos para estas tarefas, senón tamén formación e brigadas. Por elo, con esta entrega que corresponde ao ano 2024 e coa que xa está en contratación do 2025, «chegamos a unha cifra histórica con 50 máquinas entregadas aos concellos da provincia, é dicir, o 60% de todo o territorio», destacou Menor.

Reforzo da colaboración

Esta colaboración entre administracións, reforzada no 2025 cun orzamento de 4,1 millóns de euros contempla, ademáis da entrega desta nova maquinaria, a creación de 16 brigadas que estiveron traballando durante seis meses, entre abril e outubro, nas catro mancomunidades ourensás, ás que tamén se lles outorgou cadansúa máquina hidrostática polivalente. A maiores, ofreceuse formación para o persoal das brigadas no Centro de Loita contra o Lume de Toén.