A mostra permanecerá ata o 20 de outubro
A Biblioteca Municipal de O Barco acolle unha exposición sobre Florencio Delgado Gurriarán titulada «Compromiso na distancia», promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, da que é protagonista o escritor valdeorrés ao que se dedicou este ano o Día das Letras Galegas.
A mostra estará neste espazo ata o día 20 de outubro. Poderá visitarse no horario habitual da biblioteca, de luns a venres, de 9,45 a 13,00 horas, no horario de 16,30 a 20,30 horas. Tamén os sábados, neste caso desde o 8 de outubro, de 10 a 13,00 horas. Para as visitas de centros escolares ou grupos, pódese solicitar no correo electrónico seguinte: concelleria.cultura@concellodobarco.org ou chamando ao teléfono 988 320 202, na extensión 1131.
«Compromiso na distancia» é unha mostra que entrelaza o espazo onde se criou Florencio Delgado e os poemas que dito lugar inspirou. Trátase dun percorrido polos acontecimentos vitais que marcan o seu estilo e relato poético.
Así, a mostra profundiza en Valdeorras (a bisbarra na que naceu Florencio, a aldea de Córgomo, a paisaxe vinícola, os castiñeiros, as aves, o río Farelos e o río Sil); na emigración (primeiro en Ourense, despois a Castela, Francia, México e tamén California, onde morreu en 1987); o compromiso co galego coa consolidación do galeguismo en Valdeorras; a súa participación durante e despois da Guerra Civil artellando a saída de refuxiados cara América e, finalmente, o exilio en México e o seu labor na dinamización da cultura galega no exterior.
Unha interesante exposición na biblioteca que leva o nome do poeta de Córgomo.