«Ni una más, ni un paso atrás»
«
Valdeorras celebró el Día Internacional de Eliminación de la Violencia contra la mujer. En O Barco la mañana arrancó con la lectura de manifiestos por parte de estudiantes de los institutos Martaguisela y Lauro Olmo, y el colegio Divina Pastora de O Barco. Todo ello aderezado con la música del Conservatorio y Escuela de Música de O Barco. También se dio lectura al manifiesto de la Corporación municipal que dice así:

O 25 de novembro é unha data para lembrar, para recoñecer e, sobre todo, para comprometérmonos. Un día para alzar a voz contra todas as formas de violencia que sofren as mulleres polo feito de selo e para reafirmar, colectivamente, que non imos dar nin un paso atrás na defensa dos seus dereitos e da súa liberdade.
Lembramos as mulleres ás que a violencia machista lles arrebatou a vida, as que viven sometidas ao medo, as que sofren agresións físicas, psicolóxicas, sexuais ou económicas, as que padecen o control, as ameazas e a humillación. Lembramos tamén os nenos e as nenas que sofren a violencia vicaria, utilizados como instrumentos para causar o maior dano posible ás súas nais.

Detrás de cada cifra hai unha vida, unha historia, unha familia e unha ausencia irreparable. Non podemos permitir que a violencia contra as mulleres se converta nunha realidade asumida, nunha noticia máis ou nun problema que só ocupa as nosas conversas un día ao ano.
A violencia machista non é un problema privado nin un conflito de parella. É unha violencia estrutural, que nace da desigualdade e dunha cultura que durante séculos situou as mulleres nunha posición de subordinación e que aínda hoxe alimenta actitudes de dominio, control e posesión sobre elas.

Por iso, combater a violencia machista significa tamén defender a igualdade real, educar no respecto, no consentimento e na liberdade, cuestionar os estereotipos e construír unha sociedade na que ningunha muller teña que vivir con medo, pedir permiso para decidir sobre a súa vida ou renunciar á súa autonomía.
Nas últimas décadas, e sempre da man dos gobernos progresistas, o noso país construíu un sistema de protección e prevención da violencia de xénero que hoxe é un referente a nivel mundial. Un sistema froito do compromiso político e social, da loita do movemento feminista e do traballo de tantas persoas que entenderon que a violencia contra as mulleres require unha resposta pública integral, con leis, recursos,
prevención, atención e protección para as vítimas.

Pero ningún destes avances está garantido para sempre. Preocúpanos o avance dos discursos negacionistas que minimizan a violencia machista, cuestionan a súa existencia ou pretenden equiparala a outras formas de violencia para desdibuxar as súas causas. Discursos que contribúen a invisibilizar as vítimas, debilitan a resposta social e institucional e poñen en cuestión recursos e políticas públicas imprescindibles.
Non podemos permitir que a igualdade se converta nunha moeda de cambio político nin que a protección das mulleres dependa de quen goberne en cada momento. Os dereitos non se negocian. Os recursos que protexen as vítimas non se poden eliminar. A atención, a prevención e o acompañamento deben estar garantidos en todo momento.

Desde O Barco de Valdeorras tamén temos unha responsabilidade colectiva. Como concello, como comunidade e como veciñanza, debemos contribuír á construción dun municipio libre de violencia machista. Isto require manter e reforzar os recursos de atención, impulsar a prevención e a sensibilización, apoiar as persoas que sofren violencia e garantir que ningunha muller se sinta soa nin desprotexida.
Necesitamos institucións comprometidas, servizos públicos fortes, profesionais con formación especializada e coordinación entre os ámbitos sociais, sanitarios, educativos, policiais e xudiciais. Pero tamén precisamos unha cidadanía activa, que non mire cara a outro lado ante unha situación de violencia, que non xustifique comportamentos machistas e que non garde silencio ante as inxustizas.
A loita contra a violencia machista é unha tarefa de toda a sociedade. Non abonda con condenar as agresións cando xa se produciron: hai que traballar para evitalas, identificar os primeiros sinais de control e dominación e educar as novas xeracións en relacións baseadas na igualdade, no respecto e na liberdade.
Este 25 de novembro queremos expresar o noso recoñecemento ás vítimas e ás súas familias, ás mulleres que conseguiron saír da violencia, ás que están dando ese paso e a todas as persoas e colectivos que as acompañan. Queremos recoñecer especialmente o labor do movemento feminista, que foi e continúa a ser imprescindible para conquistar dereitos, denunciar retrocesos e manter viva a reivindicación dunha sociedade máis xusta.
Hoxe, os grupos políticos do Concello do Barco reafirmamos o noso compromiso cunha sociedade na que ningunha muller teña que vivir con medo; na que ningunha vítima sexa cuestionada; na que todas poidan exercer os seus dereitos con plena liberdade e na que a igualdade non sexa unha aspiración, senón unha realidade.
Porque non hai democracia plena sen igualdade. Porque non hai liberdade mentres exista violencia machista. Porque os dereitos das mulleres son dereitos humanos e non admiten retrocesos.
Nin unha máis. Nin un paso atrás
Pola igualdade, pola liberdade e por unha vida libre de violencia para todas as mulleres
