O presidente do PP de Ourense reprochou ao Goberno de Pedro Sánchez a falta de avances na autovía e o estado da N-120, dúas vias fundamentais para Valdeorras
OPP reclamou na Rúa avances na autovía A-76 e melloras na N-120, e chamou a concentrar o voto no PP o próximo 29 de novembro para levar a Alberto Núñez Feijóo á Moncloa. Luis Menor, presidente do Partido Popular, compartiu o mitin coa cabeza de lista ao Congreso pola provincia, Ana Belén Vázquez, e co director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Merelles.

Menor reprochou ao Goberno de Pedro Sánchez a falta de avances na autovía entre Ponferrada e Ourense e cuestionou o mantemento da N-120. «Cantos quilómetros da autovía A-76 fixeron? Non licitaron nin un só metro, condenando a esta comarca a unhas comunicacións indignas para o seu peso económico e para a veciñanza», afirmou.

O presidente provincial asegurou que o PP de Ourense seguirá defendendo as demandas da provincia se Feijóo chega á presidencia do Goberno. «A ninguén lle imos deixar a bandeira da reivindicación. Con Feijóo na Moncloa seguirá sendo así. Imos defender Ourense con lealdade, si, pero tamén con esixencia», sinalou.

Menor advertiu de que «aquí non hai nada gañado» e pediu á militancia da Rúa que se implique na mobilización de cara ao 29N. «Ourense nunca lle fallou a Feijóo. E agora tampouco lle vai fallar», engadiu.

Ana Belén Vázquez levará ao Congreso as demandas de Ourense
A cabeza de lista do PP de Ourense ao Congreso, Ana Belén Vázquez, participou no mitin da Rúa, onde o PP situou a mellora das comunicacións, o reforzo dos servizos públicos e un financiamento que teña en conta as necesidades do rural entre as prioridades da candidatura para a próxima lexislatura. E enmarcou estas reivindicacións «no compromiso de situar a vivenda, o emprego, os servizos públicos e as infraestruturas no centro da acción do Goberno».

Pola súa banda, Xosé Merelles defendeu a escoita á cidadanía e a cooperación entre administracións. Salientou a boa sintonía entre a Xunta e a Deputación de Ourense e lembrou que o Goberno galego investiu máis de tres millóns de euros en turismo en Valdeorras nun ano. Segundo apuntou, Valdeorras foi a comarca que máis medrou turisticamente o pasado verán. Merelles defendeu que un Goberno do PP en Madrid permitiría estender esa colaboración á Administración do Estado.










O mitin do PP tivo lugar no Centro Cultural Avenida da Rúa reunindo a simpatizantes e militantes de distintos puntos da comarca de Valdeorras.
