A candidata do BNG ao Congreso María G. Albert e o deputado Xosé Manuel Puga piden que se paralicen as talas de árbores e se restaure o terreo do monte
A alcaldesa da Rúa e candidata do BNG ao Congreso, María G. Albert, e o deputado provincial do BNG, Xosé Manuel Puga, afirman que as consecuencias das riadas en Valdeorras son o resultado «do abandono e a incompetencia do goberno da Xunta de Galiza do Partido Popular para coa comarca de Valdeorras». Reclaman a dimisión da Conselleira de Medio Rural após meses de numerosas advertencias por parte da veciñanza e os concellos de Valdeorras sinalando que había que actuar canto antes.
«Esta é a quinta riada que padecemos nos últimos sete meses e é o resultado do abandono e a incompetencia da Xunta de Galiza e do Partido Popular» sinalou a alcaldesa da Rúa. Abandono e incompetencia, continuou Albert, na prevención e extinción dos lumes de 2025 e o abandono e incompetencia na xestión posterior «onde o único que se está a primar é o beneficio empresarial».
A nacionalista alertou de que «estamos empezando a época de outono e inverno nun territorio que cada vez está máis erosionado e vemos xa as consecuencias do abandono e a incompetencia na comarca de Valdeorras», referíndose á falta de subministración de auga potábel ou a incomunicación producida en San Vicente de Leira polo derrubamento dunha ponte e da carretera OU-0807.

«Reclamamos que a Xunta de Galiza deixe de abandonar Valdeorras e faga o seu traballo no monte, paralizando as talas de árbores e restaurando o terreo» enfatizou María G. Albert, quen tamén exixiu a dimisión da Conselleira de Medio Rural afirmando que «non está a facer o seu traballo».
No relativo á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Albert tamén demanda «que faga o seu traballo porque ten competencias sobre os regatos e controle as talas que están contaminando os acuíferos e que están levando terras que rematan nas captacións».
Unha nefasta xestión
O deputado provincial do BNG, pola súa parte, exemplificou as consecuencias da nefasta xestión do Partido Popular dos nosos montes e dos incendios forestais que ocorreron en Valdeorras en 2025 co derrubamento da ponte na estrada OU-0807, nas riadas do domingo, e que deixou illada a poboación de San Vicente de Leira.
En Valdeorras, explicou Xosé Manuel Puga, tal e como aconteceu noutras localidades prodúcese «agora unha devastación polo arrastre das cinzas e os troncos que están no momento debido aos lumes e con posterioridade a inacción do goberno do PP á fronte da Xunta» tal e como vén de confirmar a propia Deputación Provincial de Ourense o seu presidente nunha rolda de prensa.
Puga denunciou que a Xunta só executou 12 dos 76 millóns de euros que tivo neste períodos para a prevención de incendios. «O que é moito máis sangrante é que só executou o 3,86% de recuperación de ecosistemas queimados: só 309 mil euros dun total de 8 millóns de euros que tiña programado Galiza para a restauración forestal», subliñou.
A estas cifras, o deputado provincial engade os case 9 millóns de euros que a Confederación Hidrográfica puxo en mans da Xunta de Galiza para complementar a restauración hidrolóxica-forestal.
Por último, avanza o rexistro dunha iniciativa na Deputación Provincial de Ourense co obxectivo de que os custos dos arranxos da estrada provincial OU-0807 e de todos os estragos producidos sexan asumidos pola Xunta de Galiza.
