25.2 C
O Barco de Valdeorras
lunes, octubre 5, 2026
Publicidad

AEVA lanza unha nova edición de Valdeorras Sostible

Publicidad

Aposta polo comercio, o emprendemento e a sostenibilidade a través da creatividade audiovisual

O comercio local, o emprendemento e a sostenibilidade económica e social da comarca volven ser os protagonistas do programa Valdeorras Sostible que a Asociación Empresarial de Valdeorras puxo en marcha esta semana. Trátase da terceira edición dun programa que conta co apoio da Deputación de Ourense a través do Inorde, e que o ano pasado concluíu coa estrea do spot «O fío verde», o cal cumula miles de visitas en diferentes plataformas e redes sociais. O presidente de AEVA, Carlos Terán, destacou a boa acollida que tivo o audiovisual polo que se lle quixo dar continuidade ofrecendo, desta vez, un maior protagonismo aos centros educativos e a creatividade do alumnado.

Se o guión de «O fío verde» fora o resultado dun concurso de relatos aberto a todo o mundo, nesta ocasión, as historias sairán dos centros de secundaria da comarca onde se celebrarán unha serie de obradoiros prácticos para que a rapazada deseñe as súas propias ideas de negocio. Dese proceso de creación e análise, a coordinadora da actividade, a realizadora ruesa Cristina de la Torre, extraerá historias para un novo spot baixo a premisa dunha «próxima apertura», que é precisamente o final do spot do 2025.

Á actividade sumáronse catro centros educativos da comarca: Colexio Pablo VI, IES Cosme López, IES Lauro Olmo e Colexio Divina Pastora. En total participarán preto de cen estudantes de 4º de ESO e dos Ciclos Medios de Perruquería, Electricidade, Automoción e Informática. A primeira sesión do programa consiste nunha presentación do proxecto e no plantexamento dun reto: idear un negocio ou comercio que desenvolverían na comarca. Despois, deberán defender a viabilidade do seu negocio nun seminario práctico con José María de la Torre, consultor e experto en comercio de proximidade, quen lles ofrecerá unha análise profesional e conectada co mundo real.

Publicidad

A gravación dun novo spot

O obxectivo destas sesións formativas é fomentar no alumnado unha actitude creativa e de iniciativa emprendedora, coa que sexan capaces de analizar a súa realidade circundante sentindose parte activa do territorio. Ademais diso, empregaranse as propostas de negocio máis atractivas para elaborar un spot que conecte co da edición 2025 e no que a rapazada poda participar activamente do proceso de guionización produción e gravación. Ademais da aprendizaxe, os equipos que propoñan as historias seleccionadas recibirán unha gratificación de 50€ en vales de AEVA para gastar nos negocios asociados, o que de seguro lles descubrirá todas as posibilidades de consumo responsable que poden atopar na súa comarca.

De novo, esta historia audiovisual estará inspirada na realidade do comercio e os negocios valdeorreses, empregando localizacións e personaxes reais. Unha vez definidos os guións, dende AEVA convocarase un casting de participación aberto, ao que xa se poden postular negocios e veciñanza a través do correo electrónico aevaformacion@gmail.com. Esa gravación terá lugar na última quincena de outubro para despois estrear o resultado nun evento público. O alumnado máis participativo e coas mellores ideas

Horarios dos obradoiros [Información exclusiva para prensa, sometidos a posibles cambios]

Luns 28 setembro

11:30-12:30      Colexio Pablo VI (A Rúa) con alumnado de 4º ESO.

Luns 05 outubro

10:00 – 11:00    Colexio Divina Pastora (O Barco) con alumnado de 4º ESO.

12:30 – 13:00    IES Lauro Olmo (O Barco) co CM de Automoción, Electricidade e Perruquería.

Xoves 08 outubro

13:20 – 14:10 I  ES Cosme López (A Rúa) co CM de Informática..

Venres 09 outubro

10:30 – 12:00    Colexio Pablo VI (A Rúa).

12:30 – 14:00    Colexio Divina Pastora (O Barco) con alumnado de 4º ESO.

Martes 13 outubro

10:30 – 12:00    IES Lauro Olmo (O Barco) co CM de Automoción, Electricidade e Perruquería.

12:40 – 14:10    IES Cosme López (A Rúa) co CM de Informática.