Xosé Merelles: «No que vai de 2026 o número de peregrinos creceu o 16% e o 39% son de procedencia extranxeira»
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, xunto ao delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Alfonso Villares, participou este domingo nas xornadas divulgativas ‘Unha data, un recoñecemento, un camiño’, organizadas pola Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra con motivo do 10º aniversario do recoñecemento oficial do Camiño de Inverno.
Xosé Merelles interveu na mesa «10 anos de Paisaxe, Cultura e Camiño«, na que se abordaron distintas perspectivas institucionais e territoriais para reflexionar sobre o proceso de oficialidade e a década transcorrida desde entón. En concreto, o director de Turismo de Galicia repasou a tendencia ao crecemento en afluencia de camiñantes que percorren esta ruta.
«No que vai de 2026, máis de 2.400 persoas recolleron a Compostela tras realizar esta ruta, o que marca un crecemento do 16% en relación ao mesmo período de 2026», subliñou. Tamén destacou a importancia dos visitantes internacionais, xa que «o 39% eran de procedencia estranxeira».
«Durante estes dez anos percibiuse un interese crecente polo Camiño de Inverno», incidiu Xosé Merelles, cunha variación positiva nos datos anuais de camiñantes que só se interrompeu en 2020, no ano da pandemia, e o pasado ano -marcado polos incendios do verán-.
Esta tendencia ao crecemento ten lugar, ademais, nun contexto positivo para o conxunto do Camiño de Santiago. En 2026, máis de 467.000 persoas recolleron a Compostela, un 7% máis que no mesmo período do ano anterior. O incremento no número de visitantes vén da man dunha maior diversificación das rutas, con itinerarios como o Portugués ou a súa variante pola Costa incrementando o seu peso ata ter, cada un, o 20% do total de camiñantes. Porén, o Camiño Francés segue dominando, cun peso do 43%.
Investimento
O director de Turismo de Galicia tamén destacou a consolidación da internacionalización do Camiño. Un 60% de visitantes son de orixe estranxeiro, con Estados Unidos e Italia disputándose neste último mes o liderado, seguidos de Portugal, Alemaña ou Reino Unido.
Turismo de Galicia apoiou a consolidación do Camiño de Inverno a través de distintas iniciativas, como posta en marcha do albergue de San Paio de Diomondi -situado en O Saviñao (Lugo), o único da Rede pública da Xunta no itinerario-. Tamén resultou esencial a contribución da Xunta de Galicia na reforma do albergue municipal do concello da Rúa, para o que se asinou un convenio en 2025 para levar a cabo accións de mellora.
Están previstas tamén actuacións en aproximadamente 38 km do Camiño de Inverno, no marco do Plan de Seguridade Viaria dos Camiños de Santiago.
As accións desenvoltas por Turismo de Galicia inclúen o convenio asinado en 2024 coa Asociación de Municipios do Camiño de Inverno, co obxectivo de reforzar a difusión e o coñecemento desta ruta xacobea.
