29.1 C
O Barco de Valdeorras
miércoles, septiembre 23, 2026
Publicidad

O Concello da Rúa apoia a manifestación pola sanidade

Publicidad

BNG e PSOE presentaron hoxe unha moción que respalda a movilización convocada pola Plataforma Sanitaria

María G. Albert, alcaldesa da Rúa, e Ana Fernández Vizcaya, concelleira do grupo de goberno, en representación dos grupos municipais do PSdeG-PSOE e do BNG no Concello, presentaron hoxe unha moción que apoia a manifestación pola sanidade, convocada pola Plataforma Sanitaria, do 17 de outubro no Barco de Valdeorras, facendo un chamamento á cidadanía a participar.

O texto da moción argumenta que as características socioeconómicas, culturais e orográficas dun territorio e unha poboación, condicionan como esta nace, cal é o seu ciclo vital, as enfermidades que padecerá ao longo da súa vida, e incluso a forma en como esta morre. Coñecer a través de estudos epidemiolóxicos a prevaleza das patoloxías que afectan ás poboacións é unha obriga de calquera administración que teña a responsabilidade de xestionar un sistema publico de saúde e os seus investimentos, «mais no Distrito Sanitario de Valdeorras néganse a facer estudos epidemiolóxicos de prevaleza de silicose no territorio pese a ter unha importantísima incidencia dela desde vai mais dunha década».

«As nosas características orográficas, con terreos de montaña, dispersión poboacional, illamento, vías de comunicación en malas condicións, climatoloxía adversa nos invernos, poboación envellecida, pluripatolóxica e polimedicada e vehículos antigos son un caldo de cultivo para os accidentes de tráfico ou a imposibilidade de acceso axeitado ás prestacións sanitarias», expón a moción.

Publicidad

Fala do índice e severidade da sinistralidade laboral, e en xeral no seu conxunto, que ocupa postos destacados no estado español «mais a administración sanitaria négase implantar en Valdeorras unha base do 061 con ambulancia de soporte vital avanzado medicalizada (SVA) ou de SVA con enfermaría (SVAE)».

A participación social no ámbito sanitario é un dos principios reitores do sistema público de saúde da Galiza estabelecido no artigo 32 da lei 8/2008 de Saúde da Galiza. Ea lei 1/2018 que a modifica, especifica no seu artigo 23 que a participación social realizarase a través dos Consellos de Saúde de Distrito. «Mais pese a iso continúan sen implantarse os Consellos de Saúde de Distrito nin dar información dos datos das patoloxías prevalentes recollidos a través do Conxunto Mínimo Básico de Datos obtidos na atención hospitalaria no noso Distrito Sanitario, roubándolle á cidadanía o seu dereito a participar na planificación sanitaria», engade a moción.

Expón que o dereito á información en materia de persoal sanitario, ven reflectido entre outros no artigo 10, apartados a, e b, da Lei 1/2016 de Transparencia e bo goberno da Galiza, «mais négase a administración sanitaria a dar por escrito unha información clara das prazas básicas e xefaturas médicas e facultativas que ten o Hospital Público de Valdeorras (HPV), de cantas están cubertas, cantas vacantes e cantos contratos temporais hai por cada un dos servizos clínicos e asistenciais do HPV.»

PSOE e BNG din que «cando vemos que a destrución do tecido sanitario do noso distrito é incuestionábel, cando vemos a infradotación en recursos humanos tanto da atención primaria como hospitalaria, a perda de servizos clínicos no HPV, a inadecuación da carteira de servizos ás patoloxías prevalentes na zona, a ausencia de pediatras en atención primaria, inexistencia de xeriatras para unha poboación envellecida, un HADO con escasos recursos e posibilidades, a non cobertura de permisos e baixas, a excesiva rotación de persoal facultativo, o escaso tempo de consulta por paciente, a negativa a dotar ao noso distrito dunha base do 061 cunha ambulancia medicalizada ou de SVAE, o escurantismo, a falta de información e diálogo, o desprezo á poboación do noso Distrito Sanitario etc. dámonos conta de que non queda outra que seguir manifestándonos nas rúas como acto colectivo dunha cidadanía que reclama os seus dereitos, o seu dereito a unha protección da saúde próxima e de calidade».

Por todo o exposto anteriormente, os grupos do BNG e O PSOE da Rúa propoñen que se faga un posicionamento público apoiando as reivindicacións da Plataforma Sanitaria de Valdeorras e a manifestación que a devandita Plataforma ten convocada para o día 17 de outubro de 2026 ás 17,30 horas no Concello do Barco de Valdeorras.

Ana Fernández Vizcaya (PSOE): «Estar unidos á xerencia de Ourense nos perxudica»

Ana Fernández Vizcaya sinalou que «queremos participar na xestión da sanidade do noso distrito». Sinalou que o Sergas di que está traballando na cuestión, pero «aiquí conseguimos uns médicos que veñen a unha zona illada con condicións favorables e teñen que permanecer mínimo dous anos. O que se fixo é que queren facer a cidade de Ourense zona illada. Antes era Valdeorras e os médicos viñan aiquí. Polo tanto, xa non viran a esta comarca, irán a Ourense».

Ana Fernández expresou que «cando nos quitaron a xerencia da área sanitaria de Valdeorras era porque así traían médicos de Ourense a Valdeorras, pero o que pasou foi que os médicos negáronse a ir a Ourense e, polo tanto, tamén a Valdeorras».

Subliñou que «temos un director non sanitario, non hai dirección médica ni subdirección, aiquí hai dirección de enfermería e un xestor non sanitario. Estamos descabezados. Nos dirixen desde Ourense. Pretenden solucinar as necesidades de Ourense. Non imos loitar contra Ourense, pero temos dereitos. É unha cidade que non está illada, Valdeorras sí».

«Estar unidos á xerencia de Ourense nos perxudica continuamente. Cando eramos área sanitaria viñan médicos do Bierzo, que hoxe non están dispostos a traballar a Ourense, facer esa mextura Valdeorras-Ourense», manifestou.

María G. Albert (BNG): «A sanidade é un servizo básico que a Xunta ten obligación de fornecer á cidadanía»

Pola súa banda, a alcaldesa, María G. Albert dixo que «a desaparición da área sanitaria foi o punto de inflexión que supuxo o principio do fin, ano tras ano. Queríamos presentar este apoio do grupo de goberno, que tamén apoia o RUA».

Manifestou que «é un conxunto de problemas que xa non se poden esconder, que vai moito máis alá de falta de médicos, do discurso da Xunta de que é culpa do Goberno central porque cando lles interesa son capaces de ofrecer as condicións para que haxa facultativos».

María G. Alber indicou que o Concello da Rúa vai estar nesa manifestación e nas reivindicacións que veñan despois porque «a obriga dunha administración local é defender os dereitos e servizos básicos da nosa cidadanía, nun contexto ademáis no que nos están desprazando ata Ourense por cuestións básicas que antes se atendían en Valdeorras e por unha carretera como é a N-120 que está nun estado perigoso e lamentable»

«Vivir no rural non poder ser una cuestión de ser superhéroes o superheroinas, de aguantar viviendo nos pobos. A sanidade é un servicio básico que a Xunta ten obligación de fornecer a cidadanía de Valdeorras, en igualdade de condicións que no resto do país. Valdeorras ten unhas condicións, pois estamos moi lonxe de Ourense, cunha problemática maior que a que pode ter Verín, por exemplo», expresou.

«Non ter sanidade é unha decisión política e a cidadanía debe telo en conta», concluiu.