29.1 C
O Barco de Valdeorras
sábado, septiembre 5, 2026
Publicidad

Rafa Vilar, Naila González e Francisco Fernández Davila, finalistas do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán

Publicidad

«O traballo e os días», «Un frío» e «Rosas de de Saraievo» son os traballos escollidos entre os 68 presentados

A sétima edición do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán xa ten finalistas. Trátase dos poemas: «O traballo e os días» de Rafa Vilar (Cee, 1968), «Un frío», de Naila González (Sarria, 2003), e «Rosas de Saraievo», de Francisco Fernández Davila (Vigo, 1974). Estes tres poemas foron escollidos entre os 68 presentados a concurso nunha edición onde por vez primeira limitouse a participación a un único poema. O gañador do premio desvelarase na gala que se celebra o sábado 19 de setembro no Teatro Lauro Olmo do Barco coa actuación musical da artista barquense Nerea Jiménez. 

Non faltarán, polo tanto, a música e a poesía, que estará presente da man dos finalistas e tamén do xurado, integrado pola creadora Lúa Mosquetera, o poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello, a poeta e actriz Fátima Delgado, o docente e escritor Raúl Gómez Pato, e a música e dramaturga Sara Faro. Outra das novidades desta edición é que, ademais do gañador do certame, que recibirá os 3.000€ do primeiro premio, recoñeceranse ao primeiro e segundo finalista cuns galardóns de 500€ e 300€. A entrada para asistir á gala é libre ata completar aforo.

Vermú poético

Publicidad

Como prolongación do evento —e seguindo o éxito do ano anterior cando se fixo por vez primeira— o domingo 20 de setembro celebrarase na Praza Doutor Quiroga de Petín un vermú poético. Comezará ás 13 horas e contará coa presenza dos poetas finalistas e mais o xurado do premio. A cita, de carácter festivo, inclúe a actuación do grupo musical valdeorrés La Mano.

Rafa Vilar

Poetas finalistas

O traballo e os días, Rafa Vilar (Cee, 1968). Filólogo e escritor, está vinculado ao asociacionismo cultural de base, dende o que participou no Batallón Literario da Costa da Morte e na colección de poesía «Letras de Cal». Forma parte da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). Como poeta, leva publicados máis dunha ducia de libros, entre outros: A sotavento dunha singradura (1995); casa ou sombra (1997); Patente de corso (poesía infantil) (2012); días de sherazade (2000); Migracións (2008); O sal dos días (2022) ou Os lugares da memoria (2023).

Naila González

Un frío, Naila González (Sarria, 2003) Licenciada en Tradución e Interpretación, é unha escritora precoz que no 2024 gañou o I Certame de Poesía Acouga-Casa dos Poetas (Celanova, 2024), coa obra A anarquía das pálpebras. Tamén acumula recoñecementos en concursos de microrrelatos como o Entre parágrafos nevados de Sarria, coas obras Volver é sempre a resposta (2023) e O son da néboa (2024). Tamén foi premiada no concurso de microrrelatos do concello de Parada de Sil coa obra Debeu ser o aire (2023).

Francisco Fernández Davila

Rosas de Saraievo, Francisco Fernández Davila (Vigo, 1974). Autor de poesía e narrativa, Fran Fernández Davila acumula premios e publicacións. As máis recentes son as novelas curtas Primavera. A camareira, o cuarto e o libro de poemas (2023), gañadora do VIII Premio Antón Risco de Allariz de Novela Curta, e Groenlandia (2023), gañadora do XVII Premio Repsol de Narrativa Curta. Na lírica publicou, entre outros, os poemarios koиpostєla (2024), palabras mortas (2024), cruzar o don (2025) e ⚒♡ ✠ (2025). Este ano publicará Principio de Superposición (2026) novela gañadora do XXVII Certame de Narración Curta Ánxel Fole, e Quero ser como Vero Boquete (2026) gañadora IX Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade.