O primeiro concerto deste itinerario cultural por Valdeorras é o xoves 13 de agosto a partir das 20,30 horas no castro de Larouco
Valdeorras acollerá entre agosto e outubro a primeira edición de V NOVE, un novo itinerario patrocinado por Turismo de Galicia, coa colaboración da Deputación de Ourense e producido pola empresa valdeorresa Ton y Son, que levará nove propostas culturais a nove concellos da comarca. Comenza o 13 de agosto, as 20,30 no Castrillón de Larouco.
A proposta oferta un percorrido polo territorio nunha iniciativa novidosa, onde non hai un escenario único nin un recinto central, senón varios espazos ao aire libre vinculados ao patrimonio, á paisaxe e á identidade de Valdeorras nos que terá lugar a súa programación. Neste sentido, cada concello achega unha localización e unha proposta distinta, o que configura un itinerario que invita a descubrir toda a comarca.
A programación combinará diferentes disciplinas e formatos, desde a música e o cine ao aire libre ata o humor, a narración oral e propostas vinculadas á natureza. Todo mediante unha aposta pola descentralización da actividade cultural e pola capacidade desta para contribuír á dinamización do territorio, permitindo que a cultura tamén poida chegar ao medio rural. Converter lugares singulares da comarca en escenarios culturais permite aos asistentes conectar cos recursos paisaxísticos e patrimoniais da comarca.
Un itinerario para descubrir Valdeorras
V NOVE propón nove citas culturais en nove concellos cunha programación que permite que os asistentes poidan descubrir diferentes recunchos da comarca.
A primeira cita será o 13 de agosto no Castrillón de Larouco, cun concerto de Susana Seivane, unha das gaiteiras galegas de maior proxección internacional. O Castrillón conta cunha ruta que os visitantes poden percorrer, ademais de paneis interpretativos que permiten coñecer un enclave habitado hai máis de dous mil anos.
A segunda proposta será o ciclo de cine ao aire libre na Rúa, con tres sesións de acceso libre. As proxeccións celebraranse o 19 de agosto no adro da igrexa de Santo Estevo, o 26 de agosto na praza da igrexa de Nosa Señora de Fátima e o 2 de setembro na praza do Concello.
O itinerario continuará ata o 25 de outubro con outras sete citas xa confirmadas en A Veiga, Petín, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras e Rubiá, mentres que os contidos concretos de cada proposta se irán dando a coñecer nos vindeiros días. Deste xeito, a programación de V NOVE estenderase durante máis de dous meses polos nove concellos participantes.

