22.4 C
O Barco de Valdeorras
jueves, agosto 6, 2026
Publicidad

V Nove: O novo itinerario cultural que percorrerá Valdeorras e que comenza cun concerto de Susana Seivane no Castrillón (Larouco)

Publicidad

Nove propostas culturais de música, humor, narración oral e natureza en espazos libres vinculados ao patrimonio e á paisaxe

A comarca de Valdeorras acollerá entre agosto e outubro a primeira edición de V NOVE, un itinerario cultural que levará nove propostas de música, humor, narración oral e natureza a nove concellos da comarca. A programación desenvólvese en espazos ao aire libre vinculados ao patrimonio e á paisaxe do territorio. Comenzará cun concerto da recoñecida gaiteira Susana Seivane.

O itinerario está patrocinado por Turismo de Galicia, coa colaboración da Deputación de Ourense, e producido por Ton y Son, empesa valdeorresa que cumpliu 17 anos que produce citas xa consolidadas como SilFest, Terrasón ou O Son da Estación. De feito, V NOVE nace desa aposta sostida por Valdeorras: a convicción de que a cultura de primeiro nivel non ten por que pasar de largo polo rural.

A idea que sostén o itinerario é sinxela: cada concello achega un escenario e unha proposta distinta. Non hai un recinto central nin un cartel único concentrado nunha fin de semana. V NOVE despregase ao longo do verán e do outono, obrigando —e convidando— a percorrer a comarca de punta a punta: dun castelo a unha adega, dunha praia fluvial a un cume, dunha ponte con orixe romana a unha serra.

Publicidad
Cartel de V NOVE, obra de Chus Rojo

V NOVE comenza cun concerto da coñecida gaiteira Susana Seivane o mércores 13 de agosto, as 20:30 horas, no Castrillón (Larouco), o poboado castrexo da Idade do Ferro, escavado e musealizado, que se ergue nun outeiro entre os canóns dos ríos Xares e Bibei, dentro do espazo protexido da Rede Natura 2000, que foi habitado hai máis de 2.000 anos. «Levar a gaita ata alí é, precisamente, o que V NOVE quere ser: non construír recintos, senón acender os lugares que xa están», di a organización.

A Rúa: Cine ao aire libre gratuito

Na Rúa haberá cine ao aire libre gratuito, as 22,00 horas, o 19 de agosto no Adro da igrexa de Santo Estevo; o 26 de agosto, na Praza da Igrexa de Nosa Señora de Fátima e o 2 de setembro, na Praza do Concello.

Itinerario cultural

O itinerario continúa ata o 25 de outubro con sete citas máis, xa con data e lugar confirmados. Os contidos de cada unha iranse desvelando ao longo dos vindeiros días. O 24 de agosto será na Praia dos Franceses (A Veiga); o 6 de setembro, na Ponte da Cigarrosa (Petín); o 20 de setembro, no Castelo do Bolo; o 26 de setembro en Casaio (Carballeda); o 3 de outubro, no Bañadoiro (Vilamartín); o 10 de outubro en Adega Roandi de Éntoma (O Barco de Valdeorras) e o 25 de outubro na Serra da Enciña da Lastra (Rubiá).

Parte da programación de V NOVE é de acceso libre e parte require entrada. As entradas para o concerto de Susana Seivane estarán á venda a partir do xoves 6 de agosto ás 12:00 h en Ton y Son e en Ataquilla.com