30.8 C
O Barco de Valdeorras
viernes, julio 31, 2026
Publicidad

A IV Feira Irmandiña do Bolo terá como pregoeiro a Carlos Xabier Ares, haberá 30 postos e concurso de vestimenta de época

Publicidad

Será o 14 de agosto e tamén incluirá un Museo Vivo da Idade Media e moita animación, visitas de balde ao castelo e moita animación

O próximo 14 de agosto celebrarase no Bolo a IV Feira Irmandiña, presentada hoxe polo grupo de goberno no castelo da localidade. O alcalde, Miguel Ángel García, e Mayra Martínez, segunda teniente de alcalde, chamaron a participar neste evento, que une a historia da fortaleza coa recuperación de tradicións como as feiras que promocionarán os produtos e artesanía local.

A Feira Irmandiña naceu dun feito singular que ocorreu no castelo no século XV, o asalto á fortificación por parte dos Irmandiños, que provocou a destrución de parte da edificación e a súa posterior reconstrución. Esta é unha parte da historia deste castelo pouco coñecida e única na comarca de Valdeorras, que dende o concello promocionan e poñen en valor.

30 postos de artesanía e produtos locais

Publicidad

Nesta cuarta edición haberá case 30 postos de diferentes produtos de artesanía e gastronomía. A feira estará aberta desde as 11,00 horas ata as 20,00 horas. Durante todo o día haberá catro ocasións de coñecer a historia do castelo e visitalo de balde. Ademáis, celebrarase a segunda edición do concurso de vestimenta de época para nenos e adultos e exhibición de materiais de época medieval.

Cartel

Os debuxos que forman parte do cartel deste ano foron feitos por 11 alumnos do colexio público do Bolo. Estiveron de visita no castelo e no Museo Yosso e nun taller de debuxo fixeron a súa aportación de cómo viran eles o castelo e a súa historia. O deseño final foi rematado pola artista Vanessa Rodríguez Bello de Estudio Garabizo.

Pregoeiro

O pregoeiro deste ano será Carlos Xabier Ares Pérez, destacado investigador, escritor e etnógrafo galego. O seu traballo céntrase no estudo e a divulgación da historia, patrimonio inmaterial e tradicións galegas. Ten publicados varios libros e artigos en prensa. As súas orixes maternas están nas terras do Bolo con familia nas Ermidas, Celeirós e Celavente. É membro da Sociedade Antropolóxica Galega e tamén é secretario da Fundación Carlos Casares e padroeiro da Fundación Yosso.

Museo Vivo da Idade Media

Unha das actividades novidade da tarde será o Museo Vivo da Idade Media do grupo de recreación histórica de Ourense, Palla Aurea. Os visitantes terán a oportunidade de ver diferentes materiais da época medieval e saber as súas utilidades. Haberá armamento, roupa e obxectos da vida cotiá.

Pulpo e empanada

Este ano non haberá comida con venda anticipada de entradas. Cada visitante poderá adquirir o que desexe na pulpeira con tapas de pulpo a 10 € e no bar con empanadas e pan, usando as mesas que se colocarán no patio de armas do castelo.

Durante a presentación da Feira Irmandiña lembrouse que o mes de agosto é o mes festeiro por excelencia no Concello do Bolo. Son datas nas que este concello, que ten moita poboación emigrada, aumenta a súa poboación, coa volta de moitas persoas que viven o resto do ano en Cataluña, País Vasco, Francia, Suíza e Alemaña, entre outros lugares do mundo. «Para celebrar esta volta e para os veciños que viven aquí todo o ano, hai numerosas festas programadas. As comisións de veciños esfórzanse en contratar orquestras e actividades para os nenos e contan co apoio do concello na medida do posible».

Programa da IV Feira Irmandiña do Bolo

9,00 a 11,00 horas montaxe da feira.

11,00 a 20,00 horas: Postos de produtos tradicionais na praza: artesanía variada, doces, viño, mel. En total 29 postos.

Haberá pulpeira e bar no patio do castelo. Tapas de polbo a 10€. Venda de bebidas, pan e empanada no bar.

12,00 horas: Pregón a cargo do escritor e etnógrafo, Carlos Xabier Ares Pérez

18,00 horas: Museo Vivo da Idade Media no patio do castelo. Exhibición e explicación de material de época medieval a cargo do grupo de recreación histórica Palla Aurea.

Visitas guiadas de balde ao Castelo: 11:30, 13:30, 17:30 horas e 18:30 horas.

II Concurso de disfraces de época medieval para adultos e nenos. Premios: cestas de produtos tradicionais. Inscrición previa no concello: Teléfono 988 32 30 30

Condicións para participar:

  • Anotarse no concello do 1 ao 13 de agosto dando nome e teléfono. Horario para anotarse de 10,00 a 14,00 horas.
  • As persoas disfrazadas deberán estar pola feira e entorno do castelo 1 hora antes para que o xurado poida velos antes do desfile no patio. O xurado irá identificado mentres valora os disfraces.
  • Horarios dos desfiles de persoas disfrazadas no patio do Castelo e decisión do xurado: 12:30 horas (categoría infantil: individual e grupos) e 19 horas (Categoría adultos: individual e grupos).
  • Premios: cestas de produtos tradicionais de diferentes valores e composición
  • Categorías: adultos: individual e grupos (4 a 10 persoas) e infantil: individual e grupos (4-10 persoas). Un único premio por cada categoría. A decisión do xurado será inapelable e aceptarase con deportividade. Valorarase orixinalidade respecto á temática medieval.